O Campo de Marte disporá dunha nova área de xogos biosaludables
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador, informa da posta en marcha da nova área de xogos biosaludables do Campo de Marte, que se porá a disposición dos veciños o luns 16 de decembro.
En total, instaláronse 4 novos aparellos: un para exercitar dedos e mans; outro para xiro de bonecas; unha elíptica para fortalecer as pernas; e un banzo para subir escaleiras. Ademais, colocouse pavimento de caucho continuo para un mellor illamento e comodidade na realización dos exercicios.
Con este tipo de áreas, ás que Medio Ambiente destinou máis de 200.000 euros en 2013, o Goberno local trata de fomentar os hábitos saudables entre as persoas de todas as idades, especialmente, os maiores, para que conserven e melloren as súas capacidades físicas. Á vez favorécese unha maior socialización nos espazos públicos xa que comparte espazo cunha área infantil para que avós e netos poidan gozar e compartir un mesmo lugar de actividades.
A área biosaludable únese a outras melloras realizadas recentemente no Campo de Marte, como o caso do acondicionamento da área infantil, que consistiu na restauración dos xogos existentes e a incorporación dunha randeeira especial para nenos pequenos, un xogo múltiple con tobogán e un carrusel e a substitución do pavimento por un de caucho continuo. Ademais instalouse un aseo autolavable de utilización mixta.











