O BOP publica a licitación para a contratación da execución das obras de reurbanización da praza do Río do Tronco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) recolle hoxe o anuncio de licitación para a contratación da execución das obras correspondentes ao proxecto básico e de execución para a reurbanización da Praza do Río do Tronco. Así, o Goberno Municipal de Ferrol segue avanzando nun dos grandes proxectos de reurbanización de barrios previsto para o vindeiro ano e comprometido cos veciños/as dentro do proxecto “Ferrol 2020” do alcalde Jose Manuel Rey Varela. Estas obras teñen un prazo de execución de sete meses e un importe total de 523.533,24 euros (IVE incluído). O prazo límite de presentación das ofertas estará aberto durante os vindeiros 13 días naturais contados dende o día seguinte ao da última publicación do anuncio de licitación no BOP. As propostas deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.

Este proxecto permitirá reordenar e desconxestionar o tráfico nesta zona do Ensanche A a través dunha rotonda de 25 metros de diámetro que terá cinco conexións: dúas coa avenida da Paz, unha con Río Xubia, outra coa rúa Castelo de Moeche e outra con acceso ás rúas Río Lambre e Ourense. Esta rotonda de gran dimensión implica a eliminación dunha parcela utilizada como estacionamento, o viario paralelo ao baixo do colexio Belén, as prazas de aparcamento situadas fronte ao mesmo e a pequena rotonda actual. Así mesmo, será habilitado un viario elevado diante do centro escolar que servirá de saída para a rúa Castelo de Moeche e onde se situará un paso de peóns para facilitar a súa unión coa nova praza.

Mellora do espazo público

Esta nova praza peonil permitirá a mellora do espazo público a través da ampliación das zonas de uso exclusivo para os viandantes, con novos itinerarios e un renovado mobiliario urbano. O proxecto de reurbanización, elaborado polo estudo Anta Arquitectos, tamén inclúe tres zonas de estancia: un novo parque infantil, zona de praza dura e unha nova “isleta” no vértice formado polas rúas Río Lambre e Ourense.

3 de decembro de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.