publicidade hoxe

O bookcrossing da biblioteca de Neda “Liberando libros por terra, mar e aire” chega a Asturias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

A experiencia de bookcrossing “Liberando libros por terra, mar e aire”, que promove a Biblioteca de Neda en colaboración cos colexios do municipio, continúa dando os seus froitos. Así, no mes de xuño, escolares dos centros San Isidro e Maciñeira facían voar globos inflados con helio portando mensaxes con textos extractados dos libros que máis tiñan gustado a nenos e nenas. Un deles, coa súa respectiva misiva, era recollido na praia das Catedrais, en Ribadeo -a 120 quilómetros de Neda-. Unha mestra do colexio rural da localidade leonesa de Destriana, preto de Astorga, atopaba o globo e, todos os alumnos do centro -sete en total-, enviaban sendas cartas e debuxos ao colexio San Isidro. Iniciábase entón un intercambio epistolar entre ambos centros e, o local, remitía tamén un lote de libros para a biblioteca do colexio leonés.
Non foi o único feedback recibido, xa que a semana pasada o mesmo centro nedense recibía outra resposta. Nesta ocasión, dende Asturias. Unha nai e a súa filla atopaban outra carta, tamén nunha praia, a de de Aguilar, en Avilés -a 227 quilómetros de Neda-. Dende a real vila, enviaráse resposta, así como novos libros para a familia.

O proxecto “Liberando libros por terra, mar e aire” foi recoñecido cunha distinción polo programa María Moliner do Ministerio de Cultura.

2 de decembro de 2013 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.