O Azkar Lugo atópase entre os oito elixidos da Copa do Rey despois de vencer en Cartaxena
O Azkar Lugo FS clasificouse esta noite en Cartagena para os cuartos de final da Copa do Rei de fútbol sala. Os lucenses venceron con contundencia ao Plásticos Romero Cartagena, cun resultado quizais demasiado abultado (0-5), pero novamente cun partido moi serio, conseguindo ademais deixar a súa porta a cero como xa ocorrera en Jaén o pasado sábado en partido de liga.
Os lucenses empezaron o partido fortes, levando o maior perigo á meta contraria, e aos cinco minutos os colexiados anularían un gol a Antonio Diz por falta previa que podería significar o primeiro dos lucenses. Co paso dos minutos o partido igualábase, en posesión de balón e en ocasións e así tanto Paco Pepe como Óscar Iglesias amosábanse seguros baixo paus. Hoxe os lucenses mostráronse desacertados en ataque e gran culpa tivérona os paus xa que no ecuador da primeira parte, Iago Rodríguez estrelaba un disparo no pau e posteriormente e na mesma acción, Cuco atopábase co poste e Chano co longueiro. Coa igualdade no marcador, e cando o Azkar parecía mandar máis, o 0-1 por fin chegaba para os hoxe de branco cando Antonio Diz picábaa ante Paco Pepe. No minuto 17, o Azkar Lugo puido anotar o segundo da noite nunha contra na que Javi Matía polos locais quedaba tendido sobre o parquet lesionado, Chano atopábase só para rematar e facer gol, pero deixaba pasar o balón, xesto deportivo dos lucenses que o Pavillón Wsell de Guimbarda sabía agradecer con aplausos. Ao bordo do descanso os locais gozarían da súa ocasión máis clara nun balón ao segundo pau que Óscar Iglesias atallaba desde o chan.
Tralo paso por vestuarios, o Azkar volveu empezar enchufado e así só o pau impedía que os galegos ampliasen distancias e nesta ocasión era Zala o que mandaba o balón ao poste aos cinco minutos do reinicio da portería cartagenera que na segunda parte ocuparía Isi. O partido non estaba definido, nin moito menos. E de feito aos lucenses tocoulles sufrir durante varios minutos as chegadas dos laranxas. Primeiro foi Diego Núñez o que cortaba un perigoso balón ao segundo pau e logo era Óscar Iglesias que salvaba aos seus ao deter unha dobre ocasión. Os de Diego Ríos reaccionaban cunha ocasión de Antonio Diz ao minuto 31, pero o seu disparo íase ao pau e logo chegaría un novo aluvión dos cartageneros quenes tiñan máis posesión e xeraban o maior perigo, ben liquidado pola defensa pronista e Óscar Iglesias. O Cartagena merecera o empate, pero o Azkar Lugo tamén soubera sufrir os seus peores momentos cunha entrega defensiva espléndida. Entón o Plásticos Romero Cartagena buscaría o gol a falta de seis minutos na figura de Enrique. Aí chegaría a sentenza dos lucenses, primeiro puido ser Jandri o que anotara de campo a campo, pero Chano a catro minutos do final roubaba un balón e facía o 0-2 a porta baleira e o capitán Aranburu a dous minutos do final deixaba xa sen opcións aos locais tras materializar un lanzamento de dobre penalti (0-3). Os laranxas seguiron facendo o porteiro-xogador ata o final en busca do seu gol, pero os lucenses non baixaron a súa intensidade defensiva e dúas recuperacións transformaríanse nos goles de Chano e Diego Núñez que pechaban unha brillante clasificación a cuartos de final da Copa do Rei (0-5).
Ficha técnica:
Plásticos Romero Cartagena 0: Paco Pepe, Enrique, Joaquín, Sergio Rivero e Blanco, -cinco inicial-, Jordi, Javi Matía, Pedreño, Rahali, Pepe, Dani Gómez e Isi.
Azkar Lugo 5: Óscar Iglesias, Aranburu, Cuco, Chano e Adrián, -cinco inicial-, Jandri, Iago Rodríguez, Diego Núñez, Antonio Diz e Zala.
Árbitros: González Ruano e Rabadán Sainz (comité valenaciano). Amonestaron con tarxeta amarela a Enrique (Cartagena) e a Óscar Iglesias, Cuco, Antonio Diz e Chano (Azkar).
Incidencias: eliminatoria de oitavos de final da Copa do Rei de fútbol sala. Pavillón Wsell de Guimbarda. Uns 250 espectadores.
Goles: 0-1 min. 14 Antonio Diz, 0-2 min. 36 Chano, 0-3 min. 38 Aranburu (dobre penalti), 0-4 min. 40 Chano e 0-5 min. 40 Diego Núñez.
Resto de eliminatorias
Noia FS 0 – Ríos Renovables Ribera Navarra 5
Zierbena 4 – Hospital Llevant Manacor 5
Hércules San Vicente – ElPozo Murcia (mércores 11/12)
Maxon Montcada – Umacón Zaragoza (mércores 11/12)
FC Barcelona – Inter Movistar (xoves 12/12)
Levante UD – Burela Pescados Rubén (mércores 18/12)
Segovia Futsal – Montesinos Jumilla (mércores 18/12)
Regreso a Lugo
Tras gañar en Jaén en liga e hoxe mércores en Copa do Rei en Cartagena, os lucenses regresan esta mesma noite por estrada cara á capital lucense onde chegarán a media mañá deste mércores e cunha sesión física a partir das 19:00 horas no Centro Deportivo Terra comezarán a preparar o seu próximo compromiso, o do próximo domingo (18:00 horas – Palacio Municipal dos Deportes de Lugo) ante o Inter Movistar dentro da 15ª xornada de liga en 1ª división.











