publicidade hoxe

O auditorio de Príncipe Felipe acollerá o VI Concerto Benéfico Quilo Solidario o 28 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

O auditorio de Príncipe Felipe acollerá o vindeiro 28 de decembro o VI  Concerto Benéfico Quilo Solidario, que organizan a banda de gaitas Os Coribantes e a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ponte Caldelas e a cadea de supermercados Moldes.

O obxectivo deste concerto é recadar alimentos para as familias máis desfavorecidas, polo que, para asistir a este acto, será preciso achegar un quilo de alimentos non perecedoiros. Así mesmo, para todos os que queiran colaborar neste concerto solidario pero non poidan asistir, tanto o Concello de Ponte Caldelas coma os supermercados Moldes activan unha “fila 0” para que os interesados poidan facer a súa achega nestes centros.

Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa a deputada provincial Ana Isabel Vázquez; o presidente de Os Coribantes, Ángel Rodríguez, e o concelleiro de Ponte Caldelas Ricardo Castro; ademais de representantes de Supermercados Moldes.

No caso dos supermercados Moldes a achega poderá facerse en calquera dos puntos de venda da cidade de Pontevedra, así como nos de Ponte Caldelas, Marín e Redondela.

A recollida de alimentos para este proxecto nos supermercados Moldes estará activa desde o 16 de decembro ata o día 30.

Máis de 3000 quilos

Esta iniciativa, que acada xa a súa sexta edición, conta cada ano cun maior número de participantes e, en consecuencia, cunha maior recadación. En 2012 superáronse as tres toneladas de comida recollida, obxectivo que, tal e como subliñou a deputada Ana Isabel Vázquez, se agarda superar nesta ocasión.

Vázquez Reboredo valorou o “carácter solidario dos pontevedreses”, que, nun momento de dificultades coma o actual, lonxe de reducir as súas achegas a obras benéficas e a entidades de atención social “estana incrementando”.

Os alimentos recadados serán repartidos entre o comedor social de San Francisco e os servizos sociais de Ponte Caldelas.

Programa do concerto

A deputada provincial felicitou a Os Coribantes pola súa constancia nesta iniciativa solidaria, que dá conta “da calidade humana dos seus integrantes” e coa que na Deputación “nos sentimos moi orgullosos de poder colaborar”.

O concerto comezará ás 19:00 horas e contará coa participación dos cantautores Raúl Cabaleiro e Bernardo Xosé; o grupo de pandeireteiras de ames As Maianas e o propio grupo de gaitas Os Coribantes; así como de Jesús Alonso, Juan Viñas e Silvia María, entre outros artistas colaboradores.

5 de decembro de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.