O Apalpador visitará a Feira de Nadal de Brión, que inclúe obradoiros de calceta, bonecas e pulseiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A Feira de Brión celebra este sábado 21 de decembro o segundo dos catro especiais de Nadal que baixo o lema “Nestas festas, merca en Brión”, pretende animar á veciñanza a facer as compras no comercio máis cercano. Para favorecer as devandtias compras, tanto dende o Concello de Brión como dende o Centro Comercial Monte Balado e os propios comerciantes estanse a fomentar iniciativas lúdicas que atraian a un maior número de clientes.

Este sábado 21 de decembro a Feira de Brión contará coa visita do Apalpador e cuns obradoiros gratuítos de calceta, bonecas e pulseiras, que terán lugar durante a mañá. Paralelamente, nas plantas do centro comercial Monte Balado haberá unha gran variedade de postos de roupa de festa, xoias, bolsos, carteiras, xoguetes, doces, polvoróns, produtos da horta, contos, adornos de Nadal… Uns postos nos que aínda está aberta a posibilidade de participar conectando coa organización da feira a través do blog (feiradebrion.blogspot.com), e-mail (feiradebrion@gmail.com), Facebook (facebook.com/feiradebrion) ou Twitter (@feiradebrion).

A Feira de Brión cambiou este verán a súa ubicación na carballeira de Santa Minia pola explanada e planta baixa do centro comercial Monte Balado, onde se celebra os segundos e cuartos sábados de mes. Ademais de estar aberto aos veciños e veciñas do municipio que desexen vender os seus produtos, tamén conta cunha gran participación de artesáns e de postos de venda de produtos do campo, doces e empanadas.

As próximas citas desta campaña de Nadal serán o 28 de decembro (cun obradoiro de maquillaxe para nenos e outro taller de bálsamo labial para maiores) e o 4 de xaneiro (cunha gran Festa de Reis para os nenos e nenas).

19 de decembro de 2013 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.