O Apalpador comeza a súa viaxe en San Sadurniño
Os nenos e nenas empezan esta fin de semana as súas vacacións. E case sen tempo para respirar xa teñen a primeira cita cun persoeiro do Nadal: o Apalpador. Ben, o Apalpador non, senón unha Apalpadora que visitará o noso concello este venres a partir das 17 h. A xiganta baixada do Courel traerá caramelos e mediralles a fartura aos máis pequenos nunha festa na que haberá xogos e música.
A actividade vai dirixida a nenos e nenas menores de 12 anos e será preciso que os maiores os inscriban antes na casa da Cultura. Tamén alí é onde se producirá a agardada chegada da Apalpadora. Virá, pasaralles a man pola barriga para saber se os pequenos están mantidos e, de paso, escoitará peticións de todo tipo para que logo se reparta o choio entre ela, Papá Noel e os Reis Magos.
Será unha tarde máxica que pasará voando coas actividades que hai organizadas. Así, entre as 17 e as 19 horas, os nenos e nenas -sen os papás- participarán nun obradoiro de circo como aperitivo da chegada da Apalpadora, que se producirá cara ás sete da tarde. Ela entregará agasallos e, ademais de atender as demandas infantís, tamén será a condutora de varios xogos musicais ata pasadas as 20 h.
O Apalpador, tamén en Naraío
O Apalpador non marchará para a montaña luguesa inmediatamente, senón que fará noite en San Sadurniño para acudir o sábado a unha nova cita, desta vez en Naraío. A partir das 18 h., a Asociación de Veciños O Castelo organiza o seu Nadal na lareira, que comezará coa actuación do Mago Fon. O espectáculo “Maxia desde o corazón” conta con finanzamento da Deputación da Coruña e está aberto a todos os públicos, aínda que serán os nenos e nenas quen máis gocen da sesión.
Cando remate tocaralle a vez ao Apalpador, que volverá repetir a cerimonia da véspera en San Sadurniño: caramelos para todos, exame táctil do estado nutricional dos cativos e orella presta para memorizar desexos. Tanto el como o resto dos presentes compartirán un chocolate quentiño con bica para acabar a tarde. Será no local social da Veiga con entrada aberta a nenos e grandes, sexan ou non socios da entidade.