O alcalde de Pontevedra comproba as melloras no barrio da Seca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O alcalde, acompañado do concelleiro Luís Bará, visitou esta tarde distintas actuacións de mellora que o Concello realizou no barrio da Seca, xunto á directiva da Asociación de veciños A Seca, e de veciños a título particular. A visita comezou polo Camiño da vía, que comunica o barrio da Seca co vial de Valdecorvos. Nesta zona realizáronse traballos de acondicionamento do vial cun pavimento de formigón, recollida de pluviais e mellora do alumeado. Era unha actuación moi demandada pola veciñanza porque o camiño é moi usado como vía de comunicación peonil entre o barrio con Santa Margarida e coa zona de Loureiro Crespo e Xoán Carlos I, punto de referencia para o barrio ao estar os centros escolares, o centro de saúde e a zona de comercio. Até esta intervención o Camiño da vía tiña un firme de terra moi irregular que dificultaba a mobilidade e accesibilidade. Unha das melloras principais realizouse no entronque co vial de Valdecorvos, onde se ampliou e suavizou a rampla de acceso e se instalou un valado de protección de madeira.

Logo desta primeira parada, o alcalde, o concelleiro Luís Bará, técnicos municipais, representantes da empresa SETGA e representantes veciñais fixeron un percorrdo polo barrio para comprobar os resultados da renovación do alumeado público con tecnoloxía led, que se instalou en todo o barrio da Seca, no acceso desde a rúa Francisco Añón, e máis nas rúas da Seca e Santa Margarida. O obxectivo da visita foi comprobar o funcionamento das novas luminarias con tecnoloxía led, que melloran a calidade lumínica e permiten un aforro en consumo de aproximadamente o 80% ademais de reducir notabelmente os custos de mantemento do servizo. A visita tamén permitiu consultar cos representantes veciñais a posibilidade de mellorar algunha zona no caso de que non estivese ben iluminada. A substitución da luminarias tivo un custe de 150.000 euros xunto a Ponte Sampaio. É a segunda actuación dun proxecto que comezou polo barrio de Monte Porreiro, e que aspira a continuar por outros barrios e zonas do Concello.

Por último, o alcalde e o concelleiro mantiveron un encontro con veciños da rúa da Seca nunha zona de estacionamento que se acondicionou fronte do ramal de baixada polo camiño vello de Castela. Este espazo, situado á man dereita en dirección Santa Margarida, forma parte dun futuro vial transversal á rúa da Seca. En tanto que non se abra esta nova rúa, o concello respondeu á demanda veciñal de pavimentación con unha plataforma de formigón, para o aproveitamento como zona de estacionamento con capacidade para uns 30 vehículos. Ademais, dotouse o espazo de alumeado público e instaláronse sumidoiros para a recollida de augas pluviais.

12 de decembro de 2013 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.