O alcalde de Ourense asegura aos seus edís que “hai que convencerme, obedecer ou irse”
O alcalde de Ourense, o socialista Agustín Fernández, lembrou este martes aos edís do seu equipo de goberno que só el ten as competencias municipais e que as decisións se toman por maioría así que, segundo dixo, só queda “tratar de convencer ao alcalde, obedecer ou irse”.
Fernández respondeu así, a preguntas dos medios de comunicación, sobre a retirada de competencias decidida o luns pola tarde ao concelleiro Antonio Rodríguez Penín, edil de Perímetro Rural, Infraestruturas e Limpeza viaria até ese momento, “por perda de confianza” e polo apoio brindado por escrito a este concelleiro polos outros catro que con el se foron do salón de plenos o venres por discrepar nunha votación cos outros seis edís socialistas.
Ademais da retirada de competencias decidida polo alcalde e apoiada polas executivas local e galega, segundo dixo o rexedor, o órgano interno local abriu expediente informativo reservado a María Devesa, Mónica Branco e Alfonso Vilachá, mentres que a última do grupo díscolo, Susana Bayo, estará afectada pola decisión que se tome na Executiva federal por non estar afiliada ao PSOE.
Durante a súa comparecencia improvisada ante os medios de comunicación, Fernández referiuse este martes ao ocorrido no pleno do venres como “discrepancia importante nun tema menor” e afirmou que todo “segue normal e sen máis transcendencia” dentro do grupo de goberno local, e de feito mantiveron a súa reunión habitual dos martes pola mañá coa única ausencia de Rodríguez Penín.
Os grupos políticos da oposición explicaron durante a mañá a súa posición ante o ocorrido e, para BNG e DO habería que convocar eleccións municipais anticipadas, mentres que o PP dixo que por “enésima vez” ofrécese para “facer gobernable a cidade, por encima de intereses partidarios e partidistas”. “Para que teñamos orzamentos”, apostilou.











