O alcalde de Ourense afirma que a “situación está reconducida” no grupo municipal
O alcalde de Ourense, o socialista Agustín Fernández, negou de novo este xoves a existencia dunha crise no seu grupo municipal, aínda que sinalou que a “situación está reconducida e si hai discrepancias de discutirán dentro do partido”.
Fernández asistiu a unha reunión da Xunta local de Seguridade na Subdelegación do Goberno, e momentos antes respondeu a preguntas dos xornalistas sobre a situación do PSOE e do equipo de goberno municipal, poucas horas antes de participar na reunión da executiva socialista autonómica en Santiago de Compostela.
Sobre a eliminación de competencias ao edil Antonio Rodríguez Penín, un do cinco discrepantes socialistas que saíron do pleno do pasado venres antes dunha votación, repetiu que como alcalde tomou “as decisións que había que tomar e o funcionamento do goberno municipal é totalmente normal, como cada día ou ven algo parado na cidade?”, preguntou.
Sobre a carta de apoio de catro dos edís díscolos con Rodríguez Penín e a súa negativa expresa a ir a reunións do grupo municipal socialista ata que se lle devolvan as competencias, o alcalde dixo que el é quen ten as competencias e delegaas en “quen” considera “máis adecuado para un servizo eficaz e eficiente”.
O rexedor lembrou que hoxe todos participaron na Xunta de Goberno Local, na que tamén están varios edís díscolos, “e o goberno municipal deu así mostras de que actúa con toda normalidade, como calquera día, pero as cuestións internas do partido resolveranse internamente, nos ámbitos do partido”, rematou.
Admitiu, nunha das súas respostas, que “a situación está reconducida”. “O alcalde tomou as súas decisións e está a haber disciplina de acordo co grupo municipal, así que deixen que as cousas que xurdan no ámbito interno resolvámolas no ámbito interno”, concluíu.
“CUESTIÓNS INTERNAS”
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, rexeitou falar de “cuestións internas” ao ser interpelado sobre iso polos xornalistas. “Cando haxa calquera cuestión que trasladar, trasladarase”, resolveu.
En canto á posición que defenderá a dirección socialista na reunión que terá cos socialistas ourensáns, rexeitou avanzar nada e engadiu que se trasladará cando se produza”.
Tras sinalar os xornalistas que o PSOE de Ourense non comparte a posición de non falar dos asuntos internos, Besteiro lamentou “non poder estar na súa cabeza”. “Pero é a posición que ten o secretario xeral”, resolveu, antes de remarcar que “as cuestións internas discútense e falan internamente”.
Tampouco quixo pronunciarse sobre o conflito aberto en AGE pola entrada de Carmen Igrexas, a quen EU lle abriu expediente de expulsión por negarse a renunciar ao seu escano no Parlamento en favor da seguinte na lista. “Non creo que a miña opinión nese asunto sexa relevante”, sinalou.











