O alcalde de Nigrán reúnese con representantes de Mercadona para coñecer o estado das obras en Porto do Molle
O novo supermercado que a cadea nacional Mercadona está a construír no parque empresarial Porto do Molle estará operativo de face á campaña de Semana Santa de 2014. Así o avanza o rexedor municipal, Alberto Valverde, tras unha reunión mantida hoxe con responsables de Mercadona en Galicia para coñecer o estado das obras de construción da nova tenda no parque empresarial Porto do Molle.
Tras o encontro mantido hoxe, Valverde manifestou a súa satisfacción pola apertura dun supermercado da talla de Mercadona en Nigrán, que contribuirá a dinamizar a actividade do parque empresarial en particular e do municipio en xeral. “O novo supermercado actuará como revulsivo tanto para o comercio local como para o parque empresarial”, observou.
Así mesmo, o rexedor municipal reiterou que seguirá traballando para que Porto do Molle convértase de forma definitiva nun dos motores económicos de Nigrán, tanto pola actividade económica xerada como pola creación de postos de traballo.
Neste sentido, aínda que a conxuntura actual obriga a ser cauteloso, Valverde declarou o seu convencemento de que a medio e longo prazo Mercadona actuará tamén como catalizador da economía local mediante a creación de postos de traballo.
Dimensións
O novo supermercado contará cunha sala de vendas de 1.500 metros cadrados, con 200 prazas de aparcadoiro para os clientes e cun persoal inicial de entre 30 e 40 persoas.
A próxima apertura de Mercadona en Nigrán forma parte do proceso de expansión da firma no sur de Galicia, máis concretamente na provincia de Pontevedra. Na actualidade, das 46 tendas repartidas pola xeografía galega, 12 localízanse na provincia de Pontevedra, entre as que destacan as recentes aperturas na Avenida de Madrid (Vigo) e en Mos.











