O alcalde da Coruña visita o campo de hockey-fútbol da Cidade Deportiva da Torre

Negreira na visita ao campo de Hockey
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira; acompañado polo tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e polo concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo; visitou esta mañá a Cidade Deportiva da Torre con motivo da finalización dos traballos de renovación e posta en marcha destas instalacións que, desde mañá, serán utilizadas por unha media de mil acodes ao día e que incluíron o acondicionamento do campo de hockey-fútbol e a incorporación de dúas pistas de pádel.
As obras, que contaron cun investimento de 519.540 euros, consistiron na construción dun campo de herba multifuncional que se poderá adaptar para a práctica deportiva do hockey, fútbol 7 e fútbol 11. Conta coas dimensións regulamentarias, con céspede artificial de última xeración, unha rede de rega con programador para o seu control automático e bancadas prefabricadas de baixo impacto visual que se axusta ao Plan Especial da Península da Torre.
Tamén se instalaron de dúas pistas de pádel, as primeiras municipais, para dar servizo á gran cantidade de afeccionados a este deporte que existe na cidade.
Esta actuación é unha mostra máis do compromiso do Goberno local co fomento do deporte basee e por garantir que todos os nenos, novos e adultos coruñeses poidan gozar do lecer e do deporte nunhas instalacións adecuadas e de calidade.











