Nigrán Xogolandia contará con máis de 1.200 metros cadrados de diversión
O evento do Nadal por excelencia en Nigrán abrirá as súas portas o día de Navivdad con máis de 1.200 metros cadrados de lecer e diversión para os máis pequenos da casa. O éxito de anteriores edicións leva goberno municipal a ampliar nun día a súa apertura, polo que Nigrán Xogolandia permanecerá aberto no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón, en horario de 16.00 a 21.00 horas, até o vindeiro luns 30 de decembro.
Nigrán Xogolandia ofrece na súa terceira edición sete inchables para diferentes tramos de idade; talleres infantís para todos os gustos –debuxo, maquillaxe, máscaras, papiroflexia, globoflexia, etc-, animación infantil, magos, pantalla xigante con vídeo consolas, proxección de películas de animación infantil; xogos infantís e moitas sorpresas máis, coa gran novidade da instalación dunha pista de miniquads e de educación viaria de 200 metros cadrados no exterior do pavillón, sobre cálea Arquitecto Palacios.
“Un espazo de lecer e esparexemento para toda a familia que crece ano tras ano, tanto en metros cadrados como nas alternativas de lecer, cos máis pequenos como protagonistas, que veciños e visitantes poderán gozar o próximos seis días, cun prezo de entrada de 1€ para os adultos e 2€ para os nenos”, explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Así mesmo, o rexedor municipal subliñou a contratación de catro monitores de tempo libre veciños de Nigrán para dar servizo nesta terceira edición de Nigrán Xogolandia.
Nadal solidario
A solidariedade predomina en todas as actividades organizadas polo concello, e tamén en Nigrán Xogolandia. Por iso, habilitarase un punto de recollida de alimentos non perecedoiros e perecedoiros de longa duración para nutrir o fondo de alimentos municipal.
Ludoteca gratuíta
Así mesmo, o Concello de Nigrán lembra que desde o pasado día 23 e até o próximo 3 de xaneiro, o Salón de Actos municipal converteuse nunha ludoteca de acceso libre e gratuíto, aberta todos os días laborables destas festas, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Como xa avanzou o goberno municipal, esta iniciativa ten o dobre obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar dos veciños de Nigrán, así como fomentar as compras do Nadal no comercio local, xa que non é necesaria a reserva de praza previa.











