Nigrán realiza traballos de mantemento do ecosistema dunar de Praia América e Panxón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O goberno municipal acomete labores de mantemento do ecosistema dunar de Praia América e Panxón cunha actuación valorada en algo máis de 4.000 euros, que permitiu a renovación do valado do perímetro do espazo protexido, a reparación dunha rampla de acceso ao areal e a eliminación de especies invasoras.

Máis concretamente, os traballos realizados nas últimas semanas consistiron na instalación de 52 novos postes de madeira tratada, a reparación dunha rampla de acceso ao areal e a instalación de 1.600 metros de cableado novo, “xa que pola elevada salinidade da zona o material estaba bastante danado”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Así mesmo, procedeuse á eliminación de flora invasora nos 24.000 metros cadrados de espazo dunar, retirando unha a unha até tres especies invasoras.

Valverde subliñou o magnífico estado de saúde que presenta o ecosistema dunar de Praia América e Panxón, que nos últimos dous anos creceu nun metro, e na que a flora autóctona plantada hai dous anos proliferou de modo frutífero.

Neste sentido, o rexedor municipal felicita á cidadanía no seu conxunto, tanto a veciños como a visitantes, polo exemplar respecto ambiental para con este espazo protexido, “xa que a pesar da presión que recibe o areal, especialmente nos meses de verán, os labores de mantemento apenas recolleron residuos”, apuntou Valverde.

13 de decembro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.