Nigrán habilita no Salón de Actos Municipal unha ludoteca gratuíta e de libre acceso
O Concello de Nigrán habilitará unha ludoteca gratuíta e de libre acceso no Salón de Actos municipal, que abrirá o luns 23 de decembro, e permanecerá aberta todos os días laborables até o próximo 3 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, destaca que é a primeira vez que en Nigrán ponse en marcha unha iniciativa destas características, “de acceso libre para todos os nenos de infantil e primaria, sen necesidade de reservar praza e con custo cero para as familias”, apunta Valverde.
Neste sentido, o rexedor municipal subliñou o dobre obxectivo desta iniciativa. “Axudar a conciliar a vida laboral e familiar dos veciños de Nigrán nestas festas, coas vacacións escolares dos máis pequenos da casa, así como fomentar as compras do Nadal no comercio local, ao poder deixar aos nenos sen necesidade de reservar praza con anterioridade”.
Os nenos e nenas que acudan a esta ludoteca de Nadal de Nigrán poderán realizar actividades dirixidas a desenvolver a súa creatividade, a través de talleres musicais, de reciclaxe, construción e decoración dunha árbore de Nadal e un Belén, e moitos xogos máis. Así mesmo, ensaiarán cancións que interpretarán ás portas do Salón de Actos municipal o día 31 de decembro.
Nigrán Xogolandia
Doutra banda, a terceira edición do evento do Nadal por excelencia en Nigrán abrirá as súas portas o próximo 25 de decembro, día de Nadal, con máis de 1.200 metros cadrados de lecer e diversión para os máis pequenos da casa. O éxito de anteriores edicións leva ao Concello de Nigrán a ampliar nun día a súa apertura, polo que Nigrán Xogolandia permanecerá aberto até o 30 de decembro no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón, en horario de 16.00 a 21.00 horas.
Valverde subliñou unha vez máis o importante esforzo realizado polo goberno municipal, “un esforzo e unha capacidade de xestión que nos permitirá pechar o 2013 coa programación cultural, deportiva e de lecer máis completa dos últimos anos, e que pechamos coa campaña do Nadal baixo o slogan Ou Nadal está en Nigrán”.











