publicidade hoxe

Nigrán amplía as redes de saneamento e abastecemento do municipio por1 millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigrán
A-
A+

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou esta mañá co alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, un convenio de colaboración para a execución de obras de ampliación das redes de saneamento e abastecemento en diversas zonas do concello pontevedrés.

Este proxecto de mellora do saneamento e abastecemento en Nigrán consta dun orzamento dun millón de euros, dos que 800.000 euros son achegados por Augas de Galicia, e os restantes 200.000 euros serán aportados polo municipio.

Estas obras hidráulicas promoven a mellora do medio ambiente, contribuíndo ao obxectivo transversal de sostibilidade e protección da contorna natural. Neste senso, o departamento que dirixe Agustín Hernández colabora cos concellos galegos na dotación das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento económico e social dos municipios, incrementando tamén a calidade de vida dos seus habitantes.

Na actualidade o Concello de Nigrán dispón dun servizo municipal de abastecemento de auga deficiente. Na estación de tratamento de auga potable (ETAP) existe un depósito que ten unha capacidade limitada en previsión da demanda futura, polo que é urxente a execución de dous novos depósitos, un novo na zona leste de Nigrán, destinado principalmente ao abastecemento dos núcleos rurais interiores, e outro que abasteza á demanda que se podería xerar como resultado de novos desenvolvementos urbanos no sur.

No que se refire ao saneamento, en Nigrán coexisten redes de saneamento unitarias e separativas. Nas redes unitarias, mestúranse as augas fecais coas pluviais, o que implica numerosos problemas de axuste dos parámetros de depuración e de colapso dos colectores de saneamento, sendo necesaria a execución de redes separativas de augas nas zonas nas que, na actualidade, as redes sexan unitarias.

O convenio tamén contempla a instalación dunha axeitada rede de saneamento nos lugares nos que non existe, como vía para reducir o emprego dos fosas sépticas como sistema de evacuación de augas residuais, uso que en numerosas ocasións se traduce en filtracións ao solo cos conseguintes problemas de contaminación medioambiental tanto no medio terrestre como nas augas subterráneas.

23 de decembro de 2013 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.