Negreira asina un convenio colaborador para a posta en marcha do novo viveiro municipal de empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Cámara de Comercio e a Fundación Incyde para a posta en marcha dun viveiro de empresas nun local municipal situado no Bulevar do Papagayo e no que a innovación e as novas tecnoloxías xogarán un papel destacado. Na firma do acordo tamén estivo presente a tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid.

O viveiro porase en marcha por fases, coa finalidade de ocupar -unha vez completado todo o proceso- un espazo de 2.000 metros cadrados cunha concepción totalmente nova e diferente ao actual viveiro de empresas do polígono da Grela. A finalidade destas instalacións será potenciar proxectos viables e sustentables.

Cun orzamento dun millón de euros, o novo viveiro de empresas finánciase a través da Unión Europea -que achegará o 80% dos fondos a través de Fundación Incyde-, mentres que o Goberno municipal achega o 20% do investimento (200.000 euros). O Concello encargarase da execución das obras, así como a administración e xestión do viveiro de empresas desde o momento da posta en funcionamento do mesmo.

O alcalde sinalou que o novo viveiro de empresas no Papagayo suporá unha oportunidade excelente para promocionar a xeración de emprego de calidade na cidade, sobre todo entre os mozos, coa innovación e as tecnoloxías como eixos para a posta en marcha de novas iniciativas. O Goberno municipal aposta por pór a disposición de emprendedores e empresarios todas as ferramentas posibles que permitan reactivar a economía. Así, o Concello colaborará cos novos emprendedores para promover proxectos sustentables e con solidez, o que permitirá abrir novos negocios, e sempre coa colaboración da Cámara de Comercio e da Fundación Incyde, que ofrecerá un asesoramento especial.

A Fundación Incyde conta en España cunha rede de 96 viveiros, un servizo que ten unha alta demanda e que están a ter unha ocupación próxima ao 90%. No caso da Coruña, o obxectivo é acoller a 30 pequenas e medianas empresas que poidan ir rotando.

10 de decembro de 2013 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.