Negreira anuncia a apertura do centro cívico de Boandanza para o mes de xaneiro
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, ratificou, esta tarde, nunha conferencia celebrada no Salón de Actos da Parroquia de San Francisco Javier, o seu compromiso cos veciños do Agra do Orzán, que definiu como “un barrio construído e habitado por familias”. Durante o encontro fixo un repaso ás infraestruturas e servizos do Agra. Neste sentido, o Alcalde definiu a Ágora e o Boandanza como principais centros dinamizadores do barrio e anunciou a apertura deste centro cívico no próximo mes de xaneiro.
O rexedor aproveitou a ocasión para realizar un diagnóstico real do barrio e escoitar de primeira man as suxestións e propostas dos veciños. Un dos aspectos nos que o Alcalde incidiu foi nas axudas municipais para a instalación de ascensores no barrio. “Foron en total 471 vivendas as que se beneficiaron das subvencións: 591.357 euros, en 2012, para colocar 22 ascensores; e 151.824 euros, en 2013, para 10 ascensores. Grazas ao plan de accesibilidade, ao redor de 1.500 veciños melloraron a súa calidade de vida e deixaron de estar illados nas súas casas”, destacou.
Carlos Negreira referiuse, ademais, ao aparcadoiro das Conchiñas, que contará con 230 prazas: 114 na primeira planta, 116 na segunda e 80 en concesión para satisfacer as demandas dos veciños; e que tentará solucionar os problemas actuais de aparcadoiro no barrio. O Alcalde incidiu en que, tras a obra, que conta cun investimento de 3,4 millóns de euros, urbanizarase a praza que quede na superficie. Uns traballos que se farán “con especial agarimo e sensibilidade”, por ser un dos espazos de encontro máis apreciados por todos os veciños.
Carlos Negreira aproveitou tamén para avanzar que, pasadas o Nadal, o Goberno local iniciará as obras de peonalización da rúa Entrepeñas, que contarán cun investimento de preto de 200.000 euros, e que durante o próximo ano, está previsto reasfaltar a rúa Gregorio Hernández e a rolda de Nelle. O Alcalde destacou o esforzo dos dous últimos anos para mellorar todos os recunchos do barrio e recuperar así “o tempo perdido”. Así mesmo, o Concello está a buscar unha solución para que os peóns da rúa Barcelona convivan cos coches que circulan polas rúas transversais.
Para finalizar, Carlos Negreira avanzou que o Goberno local seguirá traballando para colocar o Agra, con proxectos e investimentos, nun lugar preferente na cidade.











