Neda inaugura o III Mercado de Nadal con medio cento de postos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, inaugurará mañá venres a terceira edición do Mercado de Nadal Real Vila de Neda. Será na rúa Real, principal vía do casco histórico, e esceario do evento, a partires das seis e media da tarde. Precisamente, os operarios apuraban na xornada de hoxe os traballos de instalación das diferentes haimas que ocuparán os stands. Preto de cen metros lineais con medio centenar de postos de diversa temática. Todos, con un obxectivo. En palabras da concelleira de Promoción Turística, Montse Rico: “promocionar a actividade económica dos comerciantes da localidade favorecendo o inicio das compras de Nadal e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a real vila”. Dende logo, a oferta é variada: xoguetes para os nenos, roupa, tocados, artesanía, bisutería, perfumes, xabróns, cestas de regalo… O sector da alimentación tamén ten un peso importante, co que o público poderá mercar productos para elaborar os seus menús: doces, galletas customizadas, tés e infusións, conservas, licores, turróns…

O concelleira tamén avanza que o Mercado permanecerá aberto sábado e domingo (de 10 a 15 e de 17 en adiante) e que o público terá á súa disposición diversos postos de restauración: pulpería, churrasco, churrerías… E, para os máis pequenos da casa, servizo de ludoteca sábado e domingo pola tarde (de 17 a 20 horas), completamente gratuíta.

Doutra banda, Montse Rico sinala que, por primeira vez, o Mercado acollerá o I Concurso de Doces de Nadal. Un certamen aberto a todo aquel que desexe presentar as súas mellores sobremesas. Haberá dous premios, para o máis orixinal e para o máis saboroso, que recibirán un vale de cen euros para encher o carro da compra en establecementos de Neda.

Ao igual que na edición precedente, o Mercado de Nadal de Neda terá o seu carácter solidario, xa que contará coa participación de diferentes entidades sen ánimo de lucro que, á par de ofrecer a súa artesanía aos visitantes, recaudarán fondos para desenvolver o seu labor.

Unha cita imprescindible para dar a benvida ao Nadal, pero que non será a única. E é que que, un ano máis, o Concello organiza o VII Concerto de Nadal. Terá lugar en doble xornada. Así, este venres, ás 20,30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura albergará as actuacións da Agrupación Lucero del Alba de Neda e da formación Parranda La Nuestra. E, o sábado 14, grazas á colaboración da Deputación Provincial da Coruña, sobre o mesmo escenario, pero ás 20 horas, o público poderá disfrutar do concerto do prestixioso Coro Infantil e Xuvenil Cantabile. Tras o seu paso polos máis recoñecidos escenarios de Viena, Salzburgo, Altenburg, Porto, Bolonia ou Roma, o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile chega a Neda para ofrecer as súas mellores interpretacións a capella ou acompañados do piano. Un repertorio de música polifónica variada que abarca dende a música barroca, especialmente a obra sacra de Vivaldi ou Haendel, ata pezas máis actuais, pasando pola tradición popular galega. Nos seus máis de dez anos de existencia, o Coro Infantil e Xuvenil Cantabile tense convertido en referente musical en Coruña, impulsor da música e da cultura galegas a través das súas numerosas xiras ao longo de toda España e Europa. Os numerosos premios recibidos e a crítica avalan a súa traxectoria musical e, especialmente, o seu sonido e técnica vocal. En gran medida, grazas ao seu director, Pablo Carballido do Camiño, tenor e mestre de canto. Entre as súas actuacións máis importantes no campo operístico figuran Carmen, La Boheme, Otello e Parsifal, baixo a dirección de importantísimos directores do panorama internacional. Ademáis, ten no mercado xa catro discos, entre os que figuran a banda sonora da película De Profundis. Nunha e noutra xornada, a entrada é libre e gratuíta.

12 de decembro de 2013 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.