Mos organiza o tradicional Concurso Infantil de Postais con motivo do Nadal

Postais participantes no concurso
A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, informou hoxe de que dende a Biblioteca Municipal, con motivo das datas de Nadal, “quérese aproveitar esta época tan entrañable do ano para potenciar a creatividade dos nosos escolares e sobre todo fomentar a lectura e a escritura nos nosos cativos poñendo en marcha o xa tradicional Concurso de Postais de Nadal”.
Este concurso está enfocado exclusivamente para o público con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
Os nenos que desexen presentarse a este concurso poderán presentar a súa postal en galego ou en castelán, engadirlle ademais de debuxo todo tipo de ilustracións, fotos, etc.; empregar os materiais que queiran (ceras, lápices, bolígrafos, rotuladores, telas, recortes, etc.). O tamaño da postal non poderá exceder dun folio tamaño A4 por un só lado, e a extensión mínima será de medio folio A4 por un só lado.
Sobre a temática das postais a presentar a concurso a edil responsable desta iniciativa declarou esta mañá que “en relación ao tema, convidamos aos pequenos a engadir tamén unha frase; pode ser un desexo que non sexa de carácter material ou expresando que lles gustaría que cambiase no seu contorno cotián, dos amigos/as, familiares, na escola, dos pais, etc.
A postal deberá ser obra do/a propio/a neno/a, que incluirá ao final, como mínimo, o seu nome, idade, enderezo e teléfono de contacto. Só se aceptará unha postal por persoa.
Os participantes estarán distribuídos en tres categorías en función da súa idade. A Categoría I vai de 3 a 5 anos, a Categoría II de 6 a 8 anos e a Categoría III de 9 a 12 anos.
O xurado estará composto por diferentes técnicos/as municipais dos departamentos de Cultural e Benestar Social valorará a calidade e orixinalidade, así como os seus valores positivos; descartando aqueles nos que se perciba a intervención directa dun adulto.
Entrarán en concurso todas as postais entregadas ata o venres 27 de decembro de 2013 na Biblioteca Municipal. As obras presentadas estarán expostas na propia Biblioteca Municipal do 30 de decembro ó 12 de xaneiro.
Establécese un premio por categoría e se entregarán o venres día 3 de xaneiro de 2014 nun acto de animación á lectura, que se celebrará na Biblioteca Municipal ás 12:00 horas, cunha duración de 1 hora aproximadamente.
Os premios son os seguintes: para a Categoría I un lote de libros e material escolar máis un diploma, para a Categoría II un lote de libros e material escolar máis un diploma e para a Categoría III un lote de libros e material escolar máis un diploma.











