“Moondogs Blues Party” e “En casa del Herrero” actuarán na capela do Torrente Ballester de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrol
A-
A+

A programación de concertos do ciclo “As Noites en Capela” do mes de decembro, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol que dirixe Manuel Reyes García Hurtado, finaliza o xoves, día 26, coa actuación de Moondogs Blues Party e de En Casa del Herrero. O concerto dará comezo ás 21:00 horas na Capela do Torrente Ballester e as entradas poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: www.ferrol.es (apartado axenda cultural).

Moondogs Blues Party presentará o seu novo traballo “Through the darkness of the forest”. Un disco en vinilo que o crítico musical Nonito Pereira define así: un traballo que produce dende o primeiro momento a sensación do directo, que mostra a madurez do grupo – os catro temas foron gravados nunha única sesión en directo- e que constata a súa permeabilidade estilística como un alegato a explorar os camiños sen fin da música. ¿Cal é a súa?… non “ten perda”, unha ascendencia americana que se bifurca polo blues, o folk, o rock progresivo, o funk, o rock psicodélico, o blues rock, e tamén pasa polo soul. Máis claro imposible. Hai que escoitala e asimilar o complexo equilibrio estilístico e as calidades interpretativas, así como as relacións instrumentais dun “aparente e bendito desorde creativo”, ordenado polo bo facer dos seus compoñentes.

En Casa del Herrero naceu na Coruña a principios de 2013 como proxecto persoal de Eduardo Herrero, ex cantante de The Highlights, a primeira banda galega de tributo a Bob Dylan, durante máis de seis anos. ECDH constitúe unha aposta pola composición propia (en inglés e castelán), e bebe sobre todo de referentes americanos (de Tom Petty a Johnny Cash, de Hank Williams a John Mellencamp). Eduardo rodéase de Carlos Clérins á guitarra, Pepe Lamas ao baixo, Jorge Quesada ao piano e Óscar Quintáns na batería, músicos veteranos da escena coruñesa con experiencia en grupos como Viuda Gómez e Hijos, Brothers In Band, Doctor Buenas Gracias ou Querido Salvaje. Con eles coma banda de apoio debuta en directo en maio de 2013 na sala Mardi Gras da súa cidade e apenas un mes máis tarde grava o seu disco de debut, bautizado como o propio proxecto, “En Casa del Herrero”.

23 de decembro de 2013 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.