Monforte acolle obradoiros que potencian a cooperación e a motricidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Os días 26 e 27 de decembro, o programa de actividades de Nadal da concellería de Educación e Cultura ofrece a posibilidade de participar en dous obradoiros que se desenvolverán no Edificio Multiusos a partir das once da mañá, e de que os máis pequenos se divirtan nunha zona de recreo habilitada especialmente para eles.

O xoves día 26 levarase a cabo o obradoiro “Constrúe a túa cidade”, unha actividade cooperativa centrada en axudar ó desenvolvemento do traballo en equipo e o compañeirismo. Trátase de construír Monforte con plastilina, finalidade para a cal é necesaria a colaboración de tódolos rapaces e rapazas participantes.

Formaranse varios grupos para que cada un deles se encargue de construír unha parte da cidade coas súas rúas, edificios emblemáticos, o río, etc… Non se busca facer unha maqueta en detalle, senón recoñecer os símbolos máis importantes da cidade.

Nesta actividade, educativa e divertida, poderán participar nenos e nenas desde os tres anos de idade, acompañados polos seus pais e nais se así o desexan. “Constrúe a túa cidade” é un obradoiro que estará dirixido por tres monitores e terá unha duración de tres horas.

O mesmo día 26 e no mesmo lugar, habilitarase unha “Zona de recreo para bebés”, un espazo para que os máis pequenos, a partir de seis meses, poidan xogar e gozar. Contará con solo acolchado de gomaeva, casiñas de xogo con bolas, pelotas de gomaespuma, xoguetes adaptados, etc. Esta actividade está orientada para que os pais e familiares xoguen cos máis cativos e disporá dunha monitora especializada para resolver calquera necesidade que poida xurdir.

O venres día 27 será a quenda do “Obradoro de origami”, tamén ás once da mañá no Edificio Multiusos. Este obradoiro axuda ó desenvolvemento da motricidade, da paciencia e do traballo con detalle.

Trátase de realizar figuras xaponesas de origami con folios de cores e, con elas, crear un móbil. O obradoiro durará tres horas e estará dirixido por tres monitores.

Estas actividades están organizadas polo concello de Monforte e contan co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

Os rapaces e rapazas que desexen participar só teñen que achegarse polo Edificio Multiusos un pouco antes do horario sinalado para o comezo das actividades.

24 de decembro de 2013 | 10:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.