Migallas Teatro leva ao Auditorio de Vilagarcía piratas, lámpadas marabillosas, xenios e galaxias descoñecidas
Os espectáculos infantís gañan protagonismo esta fin de semana no Auditorio onde o sábado, 14 de decembro, porase en escena “O libro máxico” o último espectáculo creado e interpretado por Migallas Teatro. O dúo pontevedrés fará que os espectadores vivan aventuras con piratas, lámpadas marabillosas e xenios e ata viaxes por galaxias descoñecidas. A actuación será ás 18:30 horas e a entrada custa 3 euros.
“O libro máxico” chega a Vilagarcía a través da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios concertada coa Concellería de Cultura para este outono. Trátase dun espectáculo familiar e moi divertido no que a música ten un protagonismo especial.
En xénero de comedia, o dúo pontevedrés conta a historia de Rosiña, unha nena que ten que quedar soa na casa mentres os seus pais van a unha reunión. Como ten algúns problemas para rematar os deberes decide investigar nun baúl onde o pai gardou moitas cousas para que non se manchasen coa pintura, pois está pintando a casa. Alí atopa un libro vello e ponse a ler nel. Tras as primeiras liñas empezan a pasar cousas estrañas e Rosiña e os seus amigos, o público, mergúllanse na aventura de piratas que está escrita no libro.
Máis tarde os rapaces e rapazas irán en procura da lámpada marabillosa que esqueceu un xenio en Arabia; actuarán na pista dun circo acompañados por un can pallaso e conducirán unha nave espacial por galaxias descoñecidas.
O argumento desta peza teatral convida os rapaces e rapazas a vivir grandes aventuras lendo nos libros. Ademais trátanse temas como a discriminación; o exceso de autoridade; as relacións entre pais e fillos; o compañeirismo; a importancia da imaxinación, etc.
A compañía pontevedresa Migallas Teatro foi constituída como compañía profesional no ano 1996 aínda que como grupo afeccionado a súa creación data de 1992. Os seus compoñentes, María Campos e Carlos Yus, fan un teatro comprensible, crítico e entretido para todos e todas, bebendo da tradición do pobo e da vida cotiá e cunha visión universal das situacións humanas máis próximas. Nos seus espectáculos tratan temas de todos os días a través de personaxes inspirados na realidade, pero cun aquel de ficción.
As entradas para asistir ao espectáculo de Migallas no Auditorio de Vilagarcía pódense adquirir de xeito anticipado a través de Servinova, os o día da función na billeteira do Auditorio dende as 16:30 horas.











