publicidade hoxe

Melide resucita a figura da astrónoma Hipatía de Alexandría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+

Alumnas e alumnos de 3º de ESO do IES de Melide recrearon o venres 28 de novembro unha lección maxistral de Hipatía, a famosa astrónoma, matemática e filósofa que viviu en Alexandría entre o s. III e a IV d. C.

Esta actividade encádrase dentro do traballo interdisciplinar que se leva a cabo neste instituto, coordinado dende a biblioteca, que este ano se centra no cine baixo o lema “Un ano de película”.

Unha destas actividades consiste na elaboración dun calendario de 2014 no que cada mes se ilustra cunha recreación dunha película protagonizada por o alumnado de secundaria  e na que os escenarios son o propio instituto e a vila de Melide. Algunhas destas películas son Casablanca, A lingua das bolboretas, Braveheart, A lista de Schindler, Os nenos do coro, Men in black, Evasión ou vitoria, Harry Potter…

Neste caso trátase dun fotograma da película española Ágora, de A. Amenábar, que reflicte unha clase na que a astrónoma alexandrina explicaba aos seus alumnos a gravidade terrestre. Na preparación desta escena interviñeron os departamentos de Física e Química, Cultura Clásica e o ciclo de Madeira, que proporcionou as taboíñas para que os discípulos puidesen tomar as súas notas. O escenario é un coñecido lugar do caso antigo de Melide, as escaleiras de Calvo, que por uns instantes convertéronse nunha aula da Biblioteca de Alexandría

2 de decembro de 2013 | 10:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.