publicidade hoxe

Melide, A Cañiza, A Baña e Corcubión vivirán o Nadal da man do espectáculo “Acuario”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA BañaA CañizaA CoruñaCalendarioCorcubiónLocal PortadaMelidePontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará o espectáculo poético-teatral ‘Acuario’, no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2013’, a catro concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante esta semana de Nadal. Melide, A Cañiza, A Baña e Corcubión serán as localidades anfitrioas da actividade familiar que busca que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral.

A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e mais da Deputación da Coruña nas localidades desta provincia incluídas na itinerancia. Esta mesma tarde chegará a Melide, onde se poderá ver na Biblioteca Municipal ás 17:00 horas. Mañá, xoves, ‘Acuario’ chegará á Cañiza, cun pase no Auditorio Municipal ás 17:00 horas e o venres, á Baña, cunha función nas Escolas Vellas de San Vicente ás 12:00 horas. Por último, o sábado á tarde, a actividade despedirá a semana en Corcubión, cun pase no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas.

‘Acuario’ inspírase no poemario homónimo de María Canosa (editado por Embora), quen participa no espectáculo canda ao elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos, acompañados de vistosos monicreques, de música en directo e de humor. Tras as funcións previstas para esta semana, a iniciativa de dinamización lingüística concluirá a súa xira no marco do programa ‘Falaredes 2013’ o vindeiro luns en Curtis.

23 de decembro de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.