Medio cento de veciños arrouparon o debut nos pequenos dos Obradoiros Municipais de Teatro de Oroso

Debut teatral dos cativos de Oroso
Máis de medio cento de veciños e veciñas arrouparon na tarde de onte martes aos sete pequenos actores e actrices que dende mediados do pasado mes de outubro forman parte dos Obradoiros Municipais de Teatro do Concello de Oroso. Dous meses e medio que non lles impediron onte debutar diante do público cunha pequena obra de vinte minutos de duración, aproveitando tamén o decorado de Nadal procedente da representación do Belén Vivente da Ulloa.
O concelleiro de Cultura, Antonio Leira, explica que “tratouse dunha xornada de portas abertas para que os nenos de Oroso e os seus pais coñecesen esta nova actividade e se animen a participar, pois a idea que teñen os mestres é a de poder crear un grupo de teatro interxeracional, no que teñan cabida dende rapaces de 13 anos ata os máis maiores”. Con tan pouco tempo de ensaios, os pequenos, de idades comprendidas entre os 6 e os 8 anos, amosaron unha soltura sobre o escenario que sorprendeu a máis de un.
A matrícula nos Obradoiros Municipais de Teatro do Concello de Oroso estará aberta durante o que queda de mes. A oferta inclúe dúas modalidades: Teatro Cativo e Teatro Interxeracional. No caso do Teatro Cativo trabállase con xogos, expresións, arte e movemento para nenos e nenas, distribuídos en tres grupos: de 3 a 5 anos (martes e xoves de 17:00 a 17:45 horas), de 6 a 8 anos (mesmo día, de 18:00 a 19:00 horas) e de 9 a 12 anos (xoves de 19:00 a 20:30 horas).
No caso do Teatro Interxeracional, o obxectivo é crear un espectáculo escénico colectivo para adultos e rapaces, a partir de 13 anos. Os ensaios terán lugar no centro cultural de Sigüeiro os xoves, de 20:30 a 22:00 horas. Máis información no centro cultural de Sigüeiro ou nos teléfonos 981 698 903 e 687 813 761.