publicidade hoxe

Medio cento de nenos ponteses tomarán parte nunha nova edición de Diverocio Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Pontes
A-
A+

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), volverán abrir os campamentos Diverocio, dirixidos á conciliación da vida familiar e laboral daqueles pais e nais que, durante as vacacións de Nadal dos seus fillos e fillas, non contan con quen deixar aos seus pequenos e pequenas.

En moi poucos días as instalacións do colexio da Magdalena volverán abrir as súas portas aos pequenos e pequenas que tomarán parte nunha nova edición duns campamentos que, por sesto ano consecutivo, volven ser todo un respiro para as familias pontesas e que contará con medio cento de prazas para nenos e nenas de entre 3 e 11 anos.

Para este Nadal, a concellería de Servizos Sociais volvía apostar por un programa de actividades que arrincará o vindeiro día 23 de decembro e que se prolongará ata o 8 de xaneiro, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

E é que, ano tras ano, este tipo de campamentos, ben sexan en Nadal, Semana Santa ou verán, contan cun gran número de usuarios, de ahí que dende a concellería que dirixe José Alén se teñan xa coma un básico na súa programación anual.

Diverocio Nadal 2013 contará coa dirección dos monitores da empresa local Picariños. Eles e elas encargaranse do coidados dos pequenos e pequenas que tomen parte neste programa e que desfrutarán de actividades do máis variopintas, vencelladas coa celebración do Nadal nos diferentes países e continentes ás que se unirán tamén xogos e actividades dirixidas ao fomento da coeducación, a tolerancia e diferentes valores.

Para poder inscribirse nestes obradoiros, Servizos Sociais manterá aberto un prazo de matrícula ata o vindeiro día 18, sendo necesario cubrir a pertinente solicitude e entregar tamén a fotocopia do Libro de Familia; os certificados da empresa de conforme se está a traballar durante as datas nas que se desenvolvan estes campamentos ou ben de que se está a tomar parte nun curso formativo e a declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, de darse o caso, asemade, unha vez admitida a inscrición será necesario aboar unha cota de 10 euros de matrícula por cada participante.

Toda esta documentación deberá ser entregada no departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas.

10 de decembro de 2013 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.