Maxia, contacontos, obradoiros, títeres e xogos integran o Ludonadal 2013 en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o director da oficina principal de La Caixa en Noia, Cristóbal Lodos, presentaron esta mañá o programa Ludonadal, que reúne a oferta de conciliación da vida familiar e laboral para os veciños e veciñas de Lousame durante as vacacións escolares de Nadal. Un programa organizado polo Concello de Lousame e que, por terceiro ano consecutivo, conta co apoio da Obra Social da Fundación La Caixa.

Teresa Villaverde destacou a gran variedade de actividades previstas no Ludonadal 2013 e que “forman parte dentro dos distintos programas de actividades que organizamos ao longo do ano para axudar a conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Lousame”. Unha tarefa na que agradeceu a colaboración da Obra Social da Fundación La Caixa, en cuxo nome Cristóbal Lodos explicou que “apoiando este tipo de actividades pretendemos apoiar á cultura e á infancia, e facelo dun xeito sostible, colaborando a longo prazo con institucións que compartan eses mesmos valores”.

Programa gratuíto

O Ludonadal 2013 é un programa de conciliación familiar totalmente gratuíto que terá lugar os luns, xoves e venres das dúas próximas semanas na casa da cultura de Lousame, en horario de 9 a 14:00 horas. Inclúe actuacións de maxia, contacontos, obradoiros, títeres e xogos dirixidos especialmente aos máis pequenos da casa.

Así, o luns 23 de decembro terán lugar sendos obradoiros de abalorios e de reciclaxe, mentres que para o xoves 26 de decembro están previstos un obradoiro de maquillaxe e unhas actividades de animación á lectura e de animación musical. A semana pecharase o venres 27 de decembro co espectáculo “Conta e Canta”, do grupo SON+D2, un grupo formado por músicos profesionais e actores que ofrecen concertos didácticos nos que achegan os nenos e nenas ao mundo da música e da creatividade dun xeito interactivo, amosándolles os distintos instrumentos e ritmos do mundo con cancións en directo e xogos participativos.

A segunda semana abrirase o luns 30 de decembro coa actuación do mago Cayetano Lledó, que ofrecerá unha versión navideña dun dos seus máis afamados espectáculos e que deu en chamar: “Circus maximus de Nadal”.  O xoves 2 de xaneiro de 2014 terá lugar unha sesión de xogos populares e un obradoiro de manualidades. Finalmente, Títeres Babaluva pechará o Ludonadal o venres 3 de xaneiro co espectáculo “O crebanoces”, unha actuación incluída dentro do Programa de Dinamización Lingüística e que está inspirado no conto de Hoffman, acompañado por música de Tchaikowsky.

 

20 de decembro de 2013 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.