publicidade hoxe

Maverick Viñales e Ana Carrasco, pilotos do Calvo Team, festexan en Carballo o título de Moto3

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes PortadaLocal Portada
A-
A+
Maverick Viñales e Ana Carrasco en Carballo

Maverick Viñales e Ana Carrasco en Carballo

A Casa do Concello de Carballo vestiuse coas cores do Calvo Team para recibir aos pilotos Maverick Viñales, Campión do Mundo de Motociclismo 2013 na categoría de Moto3, e Ana Carrasco, a muller máis nova en competir nunha proba do Mundial de Motociclismo. Visitaron Carballo da man do Grupo Calvo, o seu patrocinador na pasada tempada e aproveitaron para festexar o seu éxito como campións mundiais. Viñales, nunha breve intervención, quixo agradecerlle ao equipo “que apostase por min” como piloto, xa que “non o tiveron nada fácil” e tamén a Grupo Calvo e a todo o equipo deportivo “porque sen eles o título non tería sido posible”. Por último, tivo unhas verbas para o Concello carballés, polo seu caloroso recibimento, e para os fans que se achegaron ao salón de plenos da casa consistorial para poder tirar unha foto con el, pedir un autógrafo ou intercambiar unhas poucas verbas. Do mesmo xeito, Ana Carrasco expresou o seu agradecemento ao Concello, ao patrocinador e ao equipo “polo apoio recibido durante a tempada”. O director deportivo do equipo, Pablo Nieto, manifestou a súa intención de “seguir ofrecendo grandes éxitos no futuro” polo que espera “vir moitos anos máis” para poder celebralos en Carballo. E Jaime Fernández, construtor do equipo, subliñou o ambicioso da proposta e o éxito dun proxecto tan novo. Os integrantes do Calvo Team estiveron acompañados polo Presidente de honra de Grupo Calvo, José Luis Calvo, por Luciano Calvo, director executivo do Grupo Calvo, e polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como por numerosos membros da corporación. José Luis Calvo quixo subliñar o éxito dos pilotos “que teñen conseguido o Campionato do Mundo cunha empresa galega e de Carballo”, mentres que Luciano Calvo quixo resaltar que o acto serviu de “homenaxe para estes dous grandes campións” e tamén para facilitar “que o pobo de Carballo participe desta honra”. Desexoulle a Viñales que “chegue a Moto1 para darlles unha pasada aos maiores” e salientou o valor de Ana Carrasco como “un fito no motociclismo feminino”. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo resaltar o éxito deportivo acadado por “un equipo carballés” cunha empresa, o Grupo Calvo, “que apostou por unha experiencia a nivel mundial para acabar no máis alto do podio”. Pechou a súa intervención desexando, entre risos, que no futuro Maverick Viñales “non nos faga sufrir tanto e que o título non se resolva no último minuto da última volta”.

Despois da rolda de intervencións, os pilotos recibiron uns agasallos por parte do Concello de Carballo, e tamén por parte do Grupo Calvo. No primeiro caso, a reprodución dun carballo en cerámica de Sargadelos; e no segundo, o peso dos propios pilotos en atún Calvo. Así, Maverick Viñales recibirá 71 quilos de atún, mentres que Ana Carrasco poderá desfrutar con 56 quilos. Ademais, José Luis Calvo, Pablo Nieto, Ana Carrasco e Maverick Viñales tiveron a oportunidade de asinar no libro de honra do Concello, que estreou un novo exemplar coas súas sinaturas. Curiosamente, o exemplar anterior, que levaba no Concello dende 1974, completouse o pasado mes de novembro coa sinatura dos campións da Copa Galicia de baloncesto en categoría infantil masculina, o equipo da Escola Basket Xiria do que forma parte o fillo de Luciano Calvo. Antes de que a comitiva partise á fábrica de Conservas Calvo en Carballo para compartir o Campionato cos traballadores e traballadoras, Viñales, Carrasco e Nieto asinaron autógrafos, tiraron fotos cos fans, especialmente cos máis novos e novas e falaron co público presente. Despedíronse de Carballo máis tarde nunha comida de confraternización, na que puideron gozar coas centolas da zona e o típico marisco galego.

13 de decembro de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.