Manifesto do Concello de Lugo con motivo do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

SOMOS PODO E QUERO

Hoxe celebramos o DÍA MUNDIAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL. Un ano máis tócanos reclamar un oco nesta sociedade que tende perigosamente a uniformarse entorno a uns ESTÁNDARES TAN ABSURDOS COMO EXCLUÍNTES. De novo e coma sempre, as persoas ligadas á diversidade funcional en particular, e ao terceiro sector en xeral, tócanos navegar contracorrente NUNHA LOITA POLA INCLUSIÓN E NORMALIZACIÓN SOCIAL, ESCOLAR, LABORAL E EN XERAL POLO ACCESO EN CONDICIÓNS DE IGUALDADE A TODOS OS ÁMBITOS DESTA SOCIEDADE á que temos moito que aportar e que ten a obriga de recibir os nosos aportes ao igual que os do resto da cidadanía.

– Vivimos tempos difíciles que nos piden a berros INTERDEPENDENCIA. O terceiro sector xa non pode seguirse dividindo en compartimentos estanco. Podemos ir en distintos camarotes mais estamos no mesmo barco; nun barco que ten que loitar pola INTEGRACIÓN e NORMALIZACIÓN, polo dereito ao ENSINO PÚBLICO E GRATUÍTO, e tamén polo seu dereito a ter todos os SERVIZOS NECESARIOS PARA O DESENVOLVEMENTO DUNHA VIDA DIGNA.

– É necesario que a sociedade nos empece a ver como parte súa, e non como unha marxe á que esquecer. Nós SOMOS SOCIEDADE e FACEMOS SOCIEDADE, porque temos ideas para mellorala e azos, forzas e ilusións para levalas a cabo. NÓS PODEMOS E QUEREMOS, VOSTEDES QUEREN VIR CONNOSCO?

– Queremos dicir que a ATENCIÓN Á XENTE CON DIVERSIDADE FUNCIONAL É UNHA FONTE DE EMPREGO que resulta vital nestes tempos de crise. A Lei de promoción da autonomía persoal demostrou que non só é necesaria, senón que tamén é un campo de desenvolvemento profesional ao que moitas persoas chegaron por auténtica vocación, converténdose en grandes expertos do coidado e sobre todo NA MAN DA LIBERDADE PARA MOITAS/OS DE NÓS.

Defendemos A PRESENZA DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL NOS CENTROS DE ENSINO PÚBLICOS E GRATUÍTOS en todas as etapas educativas, lembrando que este é un dereito recollido no artigo 26 da DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS, e no 27 da nosa constitución.

– É necesario INTEGRAR E NON SEGREGAR.

– É necesario APRENDER A CONVIVIR E NATURALIZAR a diversidade funcional nas rúas.

– É necesario VALORAR A CADA PERSOA POLO QUE É E PODE CHEGAR A SER, É DICIR, POLAS SÚAS CAPACIDADES E COMPETENCIAS, NUNCA POLA SÚA DISCAPACIDADE.

– É necesario loitar porque o termo DIVERSIDADE FUNCIONAL teña efectos reais no seo da sociedade, que ten que visualizar como obsoleto o termo MINUSVALÍA. Hoxe temos que dicir que a minusvalía é un concepto social que nos leva a ser menos, cando o único futuro desta sociedade é a unión, a unión de capacidades e competencias. A UNIÓN DA DIVERSIDADE QUE GARDA NO SEU SEO, como un tesouro que debe de aprender a explorar, coñecer, REcoñecer e aproveitar.

– Queremos vivir nunha sociedade DIVERSA, nunha sociedade poliédrica, nunha sociedade MULTICOLOR, MULTIFORME, capaz de ABRIRSE Á DIFERENZA e acollela, acollela para beber e compartir coñecemento.

– Hoxe é o día, o día de reclamar un mundo novo, UN MUNDO A MEDIDA DE TODOS que non é unha utopía senón unha necesidade, un mundo no que cada persoa sexa unha fonte imprescindible de coñecemento para o avance colectivo. Este mundo é posible, chámase INTERDEPENDENCIA e desenvólvese a base de VONTADE. Todos os aquí presentes temos que ser VONTADE, podo e quero. PODEMOS E QUEREMOS. Tal como dicía Mario Benedetti, desvélanos a mesma sorte, esa que temos que CONSTRUÍR EN COLECTIVO. Somos compañeiros , e temos ao noso alcance a construción dunha vida de INCLUSIÓN, de ACCESIBILIDADE UNIVERSAL e de NATURALIZACIÓN DA DIFERENZA en todos os ámbitos. Unha diferenza que nos enriquece e nos fai mellores.

– Rematamos felicitando e agradecendo a todas aquelas persoas que dunha maneira ou de outra contribúen ao benestar das persoas con diversidade funcional. Mais certamente elas tamén reciben moito de nós, e saben mellor que ninguén que a vida é un continuo feedback, nese feedback seguiremos loitando na seguridade de que un día chegaremos xuntos á Ítaca que construímos paso a paso, unha Ítaca que se chama NORMALIZACIÓN E NATURALIZACIÓN EN TODOS OS EIDOS DA VIDA.

– QUEN VÉN CONNOSCO? PODEMOS E QUEREMOS!!!!! E TODAS AS MANS SON NECESARIAS!!!!!!

3 de decembro de 2013 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.