Máis de 400 accións de xaneiro a xuño de 2014 na Rede de Centros Socioculturais
A Rede de Centros Socioculturais continuará desenvolvendo durante os seis primeiros meses do 2014 unha variada programación, caracterizada pola trasnversalidade de proxectos socioeducativos, imbricados nos barrios e nas parroquias do rural. Para as novas actividades e para aquelas onde hai prazas vacantes, o prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de decembro. Segundo indicou o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, a programación xira en torno a diversos eixes: dinamización de clubs de teatro, de lectura, de xadrez, xogos populares na rúa; apoio, difusión e divulgación de producións artísticas e escénicas nas distintas salas da rede; actividades formativas en torno ao deporte, arte e plástica, o baile, a maxia, a lingua e as novas tecnoloxías; educación para a saúde e mellora da calidade de vida a través de obradoiros de memoria, saídas, excursións, viaxes ou bailes para maiores; a Biblioteca José Saramago, coas súas axencias nos CSC de Vite, Santa Marta e Fontiñas; tempo libre no Antroido, no verán e en semanas conmemorativas; e unha nova edición do Compostela Cine Classic.
As programacións específicas de cada un dos 42 centros están xa dispoñibles xa na web municipal e en cada centro sociocultural. En total serán máis de 400 accións distintas para todos os públicos, ás que se dedican unhas 26.528 horas de monitoraxe especializada.
Maxia
A principal novidade deste primeiro semestre de 2014 será a inclusión da maxia como centro de interese. Para dar conta disto, xunto ao concelleiro compareceu o Mago Xacobe.
Haberá dous obradoiros da Escola de Maxia para Nenos/as (6 a 14 anos), conducidos durante seis meses por magos profesionais. Son 30 as prazas dispoñibles para as sesións semanais de aprendizaxe e xogo, que terán como remate do percorrido formativo a produción de dúas galas de maxia a cargo dos nenos participantes no proxecto.
As galas desenvolveranse en xuño de 2014 nos centros socioculturais onde terán lugar estes obradoiros: obradoiro 1, no CSC do Castiñeiriño, os xoves de 18:00 a 19:00 horas; obradoiro 2, no CSC das Fontiñas, os venres de 18:00 a 19:00 horas. As actividades comezarán na semana do 8 de xaneiro e o prezo por trimestre é de 24 euros.
Xadrez, lingua, bailes e excursións
Entre o resto de actividades, Francisco Noya destacou as de dinamización da práctica do xadrez nos centros de Conxo, Fontiñas, O Ensanche e Santa Marta. En total son sete clubs, tanto para nenos como para adultos.
Ademais, dada a boa acollida, continuarán desenvolvéndose o programa de linguas “Achégate a outras culturas”, con nove grupos en distintos centros, incidindo nas culturas anglosaxona, americana, alemá e árabe. Tamén repitan as citas cos programas Imos ao baile e Imos de excursión 2014, que serán presentados proximamente.
A todo isto hai que unir igualmente as accións estacionais propias dos centros en Vive o Antroido ou Vive o verán; o acto de conmemoración do Banquete de Conxo, a continuidade do proxecto Cidadáns Dixitais, con novas charlas sobre novas tecnoloxías no CSC do Ensanche; ou a programación de artes escénicas na sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta.
A oferta para estes seis primeiros meses do ano contempla a continuidade de máis de 310 grupos de actividades con apuntamento xa en funcionamento que representan un total aproximado de 4.665 prazas ao longo deste curso. As persoas interesadas en saber se hai vacantes deben achegarse para comprobar a existencia de prazas.
Prezos
O prezo das actividades que supoñan pagamento variará segundo a duración das mesmas e o tipo de usuario. O pagamento en xeral, correspondente as actividades, é trimestral, a excepción dos clubs, que teñen unha única cota. Outras actividades gozan dun prezo subvencionado a proposta das asociacións de veciños e dos propios equipos de programación dos centros.
O abono da cota faise a través dun modelo formalizado que, unha vez confirmada a obtención da praza, se entrega nos centros socioculturais onde se desenvolva a actividade.
O acceso a outros servizos como bibliotecas, aulas informáticas, aulas de xogo, exposicións, espectáculos teatrais ou culturais é de balde, agás excepcións. Na maioría destes casos non é preciso apuntamento. A isto hai que sumar outras moitas actividades, tamén gratuítas, como xuntanzas informativas, visionado de documentais divulgativos, actuacións de grupos de teatro e de maxia, contacontos, animación sociocultural, etc.
Os centros socioculturais acollen anualmente uns 300.000 servizos personalizados para os usuarios. Ademais, máis de 100 entidades diversas vinculadas aos barrios e ás parroquias fan uso regular dos centros socioculturais complementando a programación municipal. O Departamento de Centros Socioculturais tamén recolle anualmente unhas 300 solicitudes de uso das salas para actividades puntuais de entidades externas.