publicidade hoxe

Maiores de Santiago e A Estrada exhibirán as súas pinturas nunha mostra en Compostela

Un total de 65 persoas maiores de Santiago e A Estrada poderán ver desde hoxe as súas obras de pintura expostas como parte dunha mostra da galería de arte Bus Station Space da capital galega. Os traballos son o resultado de diversos obradoiros desenvoltos nas residencias de maiores da Consellería de Traballo e Benestar e permanecerán expostos durante toda a semana.

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, inaugurou hoxe esta exposición enmarcada no proxecto europeo ‘Envellecemento+Activo’, cuxo obxectivo é promover a planificación e utilización conxunta de equipamentos, programas e servizos sociais innovadores, a nivel transfronterizo, para a detección precoz de futuras necesidades de dependencia e a promoción do envellecemento activo e saudable.

Segundo explicou Piñeiro, a través dos obradoiros de referencia, “trátase de promover a autonomía dos participantes cunha actividade que, ademais de contar con beneficios terapéuticos, potencia e estimula a súa autoestima, por canto verán recompensado o seu traballo a través da difusión e recoñecemento públicos”.

En definitiva, con actividades como a proposta, incídese de xeito notable na promoción da autonomía de persoas que, pese a residir en centros asistenciais, deben ter a oportunidade de envellecer de forma activa, retrasando todo o que sexa posible o deterioro físico e cognitivo propios da idade e evitando deste xeito a chegada ou o agravamento das situacións de dependencia.

3 de decembro de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.