Luis Zahera será o conductor da IV Gala do Comercio do Morrazo
Un ano máis, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO, celebrará a súa Gala do Comercio que este ano chega á cuarta edición. O evento rota de localidade en cada edición e desta vez será organizado na vila de Bueu, o domingo día 12 de xaneiro ás 18:00 horas no auditorio do Centro Social do Mar. Iranse desvelando ao longo destas datas as sorpresas que a organización ten preparadas co obxectivo de encher o aforo do recinto nunha ocasión tan especial. Entre elas, por exemplo, o nome do presentador da gala deste ano, que será nin máis nin menos que o gran actor Luis Zahera.
Este compostelán coñecido polo seu papel como “Petróleo” na exitosa serie “Mareas Vivas” que o lanzou á fama en Galicia, conducirá este evento con total liberdade interpretativa, nunha actuación irrepetible e de seguro chea de humor e retranca. Tras “Mareas Vivas” chegaron para Luis Zahera moitos éxitos na pequena e na gran pantalla, participando en infinidade de series e películas a nivel galego e tamén nacional, ademáis de numerosas obras de teatro e curtametraxes.
Entre o seus traballos no cine destacan ‘O lapis do carpinteiro’, ‘El año de la garrapata’, ‘Alatriste’, ‘Spanish movie’ ou ‘Celda 211′. Vímolo en series como “Hospital Central” ou “El comisario”. Máis recentemente participou en “Motivos Personales” e conseguiu un papel fixo en “A tortas con la vida”, serie dos creadores de “Aquí no hay quien viva”. Ademais, conta na súa traxectoria profesional con espectáculos de humor e xiras de monólogos por toda Galicia.
Na actualidade atópase rodando a película ‘Schimbare’ cun papel como protagonista xunto a actriz Candela Peña. E continúa coa súa webserie “Entre Pipas” que se pode seguir a través de Internet. Entre os premios que leva colleitado podemos nomear, entre moitos outros: Nos premios Mestre Mateo, Mellor Actor de Reparto en 2004 por “El año de la garrapata”, en 2007 por “Concursante”, en 2009 por “Celda 211” e no 2012 por “Todo es silencio”. Nos premios Eñe de Televisión, Mellor interpretación masculina de reparto por “Sin tetas no hay paraíso”. No Festival de Cans, Premio do Xurado ao mellor actor, en 2008 por “Rosita y Jacinto” e no 2012 por “Conversa cunha muller morta”.
No FIBABC – Festival Iberoamericano de Cortos ABC – gañador na III Edición (2011-2012) do premio Mellor Actor pola curta “El premio”. Este espectáculo será de entrada libre e gratuíta, e contará cunha importante parte musical que aínda está por desvelar. Será unha gran festa pensada especialmente para poñer en valor o comercio de proximidade e facelos protagonistas.
A Gala continuará os éxitos acadados en edicións pasadas, no 2011 en Bueu co Teatro de Ningures e con Salvador del Río como presentador, no 2012 en Cangas cun magnífico Xavier Veiga no Auditorio Municipal e o pasado ano en Moaña, co polifacético Carlos Blanco, actor, cómico e escritor galego. No transcurso da gala procederase en directo ó gran sorteo final da Campaña de Nadal 2013: os agardados tres premios de 1500€, entre todos aqueles boletos que foron rexistrados na páxina www.compranomorrazo.com. Sacarase un premiado por cada localidade (Bueu, Cangas e Moaña) e coñecerase o establecemento que lle deu a sorte.
As empresas do Morrazo seguen a entregar premios aos seus clientes Mentres tanto, ata o día 8 de xaneiro os clientes poden seguir a insertar os seus boletos na páxina habilitada e conseguir premios directos de 50€, 100€ e 200€. As empresas de Bueu, Cangas e Moaña, seguirán a entregar estes premios a aqueles que fagan as súas compras de Nadal no comercio de proximidade. Ata o de agora foron repartidos 23 premios, entre eles dous de 100€ e un de 200€, sendo o resto de 50€. E aínda quedan moitos por saír! Facer as compras de Nadal no Morrazo, ten premio.











