Lousame aproba os orzamentos de 2014, que incrementan nun 18% os investimentos e ascenden a 2,7 millóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame aprobou na noite de onte xoves os seus orzamentos de 2014, que ascenden a 2.792.998 euros, incrementan nun 18% a partida dedicada a investimentos reais e que permitirán reducir a débeda do municipio, de xeito que Lousame quedará libre do Plan de Axuste adoptado para o pago a provedores en 2012 e terá unha maior disponibilidade orzamentaria. Unhas contas que foron aprobada inicialmente por unanimidade, cos únicos votos do Partido Popular xa que os concelleiros de PSOE e Compromiso por Galicia abandonaron a sesión antes do debate alegando que recibiran a documentación 3 días antes do pleno e que non tiveran posibilidade de analizalos.

A alcaldesa de Lousame, Terresa Villaverde, lamentou que “a sesión máis importante do ano para os veciños como é o pleno do Orzamentos, no que se garanten todas os investimentos que van repercutir na calidade de vida dos veciños, non mereceran o esforzo por parte da oposición para aprobalos no ano e non ter que prorrogalos”. Así mesmo, indicou que “ao mellor o que molesta é que saiamos do Plan de Axuste ou que incrementemos os investimentos. Ao mellor o que molesta á oposición é que estes orzamentos vaian no beneficio dos veciños e veciñas de Lousame”.

Abandono do pleno

A sesión transcurriu con normalidade ata o punto 7, no que se ía debater o teito de gasto para 2014. O voceiro socialista, Julio Paradela, pediu a palabra para anunciar que o PSOE “levántase do pleno porque as contas non se entregaron ata hai tres días e non temos a capacidade para resolver isto”. A alcaldesa Teresa Villaverde recoñeceu que “está no seu dereito, pero pídolle un acto de responsabilidade”, ao que os socialistas alegaron que non dispuxeran de tempo para preparar o debate. Acto seguido, o voceiro de CxG, Antón Ageitos, anunciou que “tamén abandono o pleno por non ter a documentación con tempo. Non sei se en tres días se pode ver toda esta documentación”.

Teresa Villaverde considerou que “a aprobación dos orzamentos ben merece o esforzo de todos nós” e lamentou que “ante uns orzamentos que contan con máis investimentos, que reducen a débeda e que nos van sacar do Plan de Axuste vostedes só busquen un titular nos medios de comunicación porque abandonaron o pleno. Esa é a súa responsabilidade cos veciños de Lousame”.

Datos do orzamento

Os orzamentos de Lousame para 2014, equilibrados en canto a gastos e ingresos, ascenden a 2.792.998 euros. No seu capítulo 9 prevense os gastos de amortización dos préstamos a longo prazo vixentes así como unha amortización anticipada do préstamo concertado co Fondo de Financiamento de Pago a Proveedores no exercicio 2012, que quedaría totalmente amortizado durante o exercicio 2014.

“A finais de 2014 a débeda será do 8,067%, quedando unha débeda viva do 18% fronte ao 27,22% rexistrado ao inicio de 2013”, explicou Teresa Villaverde, “isto nos vai librar do Plan de Axuste e nos dará unha maior disponibilidade orzamentaria, pois incluso poderíamos acudir a operacións de crédito para financiar investimentos para os veciños”. Deste xeito, a débeda do Concello de Lousame reduciríase prácticamente á metade en tan só dous anos: pasando dos 554.000 euros de finais de 2012 aos 225.000 euros previstos para finais de 2014.

Investimentos

No capítulo de investimentos, os orzamentos de 2014 contemplan significativos incrementos nas distintas partidas de gasto social, entre as que se inclúe multiplicar por 3 as aportacións a Emerxencia Social. No apartado de obras, os investimentos representan o 32,04% dos orzamentos, catro puntos porcentuais máis ca en 2013. Así, o Concello de Lousame destinará 894.776 euros a obras no municipio, o que supón un incremento do 18% con respecto ao exercicio anterior.

O desglose dos orzamentos inclúe partidas como 79.408 euros para a mellora dos accesos ao cruce de Ponte de Berrimes ao colexio da Silva; 70.000 euros para a instalación dunha liña eléctrica soterrada na Silva; 75.000 euros en actuacións en núcleos rurais; 60.000 euros para actuacións de aforro enerxético ou 50.000 euros para abastecemento de auga e saneamento en diversos núcleos do municipio.

Outros investimentos recollidos son: 40.000 euros para a recuperación medioambiental e patrimonial do paseo fluvial da Ponte de San Francisco; 30.000 euros para acondicionamento de prazas no interior de núcleos de poboación como Béxeres ou Vilas; 39.500 euros para a ampliación e pavimentación do vial interior en Merelle e a mellora do pavimento no vial de acceso a Alderís (dende Vilas); 49.800 euros para a mellora do pavimento no vial dende o cruce de Castiñeira ata Gandarela; 32.000 euros para a mellroa do pavimento e ampliación do vial de acceso a Quintáns de Lesende (dende Sampaio) e ampliación do vial de Horta a Cairo; ou os 31.200 euros para o mellorar os accesos no camiño Confurco-Ces.

Completan a partida de orzamentos outra serie de investimentos como: 25.000 euros para acondicionamento de parques infantís; 42.5000 euros en actuacións de mellora en instalacións deportivas; 12.000 euros en sinalización dos bens de patrimonio cultural; 31.000 euros para a pavimentación da vía púlblica na Muralla e outros 15.000 euros para pavimentación entre Escabia-Ardeleiros. Finalmente, contémplanse 15.000 euros para adquisición de terreos para ampliación de viais e sendeiros; 20.000 euros para pavimentación en Cairo; 15.000 euros para ampliar o vial de acceso ao cemiterio de Camboño; 24.000 euros para o saneamento en Vilar e o bombeo en Meixonfrío e O Castro; 29.000 euros para o acondicionamento da praza do Concello ou 3.000 euros para acodicionar o terro para facer unha praza no interior de Merelle.

Teresa Villaverde considera que este orzamentos “contemplan unha maior inversión, un maior esforzo en servizos sociais e seguimos traballando para satisfacer as necesidades dos nosos veciños. Sinto que non puideramos telos antes, pero creo que algo tan importante para un concello ben merecía facer un esforzo para que os nosos veciños poidan ter o mellor. Sinceramente, non entendo a actitude dos concelleiros da oposición, aos que ao mellor parece que lles molesta que vaiamos sair do Plan de Axuste ou que incrementemos os investimentos en favor dos veciños”.

Previamente á aprobación dos Orzamentos estableceuse un límite de gasto de 1.286.896 euros para o exercicio 2014 e despois acordouse nomear a Montserrat Arufe para o desempeño da Tesourería do Concello de Lousame.

POS 2014

Antes do abandono dos grupos municipais do PSOE e CxG, todos os puntos da orde do día foran aprobados por unanimidade, salvo o POS 2014 que contou coa abstención dos grupos municipais da oposición. Así, o pleno municipal aprobou investir en obras 104.428 euros dos 201.700 euros do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2014.

O POS 2014 inclúe 59.230 euros para o acceso a Quintáns de Berrimes e pavimentación do aparcamento do cemiterio de Tállara e outros 45.198 euros para o camiño Escabia-Fruíme e o acceso interior a Marracín de Abaixo. Os outros 97.271 euros destinaranse a financiar gasto correte, especialmente en materia de alumeado público e tratamento de lixo. Teresa Villaverde explicou que “o POS 2014 recolle un incremento do investimento sobre o ano pasado” e lembrou que no gasto corrente “tamén se incluíron moitas actuacións de bacheo e arranxos que fixemos ao longo de todo o ano”.

Resto da orde do día

O resto da orde do día foi aprobada por unanimidade, como unha pequena modificación na ordenanza municipal de Protección de Datos ou incrementar os posibles beneficiarios pola bonificación do 100% no imposto sobre vehículos de tracción mecánica, que antes só beneficiaban aos propietarios de vehículos de máis de 40 anos e a partir de agora tamén contempla a todos os de máis de 25 anos.

O pleno tamén aprobou crear unha ordenanza fiscal reguladora da licenza pola posesión de animais potencialmente perigosos e unha ordenanza fiscal reguladora das operacións forestais de tala, saca, depósito e transporte de madeira e repoboación en Lousame. Neste punto, Teresa Villaverde especificou que “exclúense as operacións de particulares, é só para uso industrial e comercial”.

20 de decembro de 2013 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.