Locais de cinco barrios chegan á final do concurso de escaparatismo de Nadal na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Cinco barrios competirán polo primeiro premio do concurso de escaparatismo de Nadal organizado pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, xa que o cinco escaparates que chegaron á final pertencen a outras tantas asociacións comerciais da cidade. Os establecementos son: Imprenta Star, pertencente a Distrito Picasso; Decoracións Benjamín, da Falperra; Endulzarte, da Asociación de Comerciantes de Monte Alto; e os comercios Electricidade Pena e A tenda de Liño, das asociacións de comerciantes de Monte Alto (Acocem) e Fernández Latorre-Catro Camiños, respectivamente.

O cinco comercios chegan á última fase do concurso -o máis participativo dos celebrados até agora por Emprego e Empresa cun total de 93 establecementos de practicamente todas as asociacións comerciais da Coruña- tras ser elixidos por un xurado experto que valorou aspectos como  a orixinalidade, a estética e a eficacia comercial.

O establecemento gañador recibirá 2.000 euros e 500 a asociación comercial á que pertence e será elixido por votación popular nas redes sociais desde mañá, xoves 5 de decembro, ao día 12 na páxina web www.participacoruna.com, onde estarán as fotos do cinco escaparates. Pola súa banda, cada finalista recibirá 1.000 euros e 500 euros a súa entidade. Tamén se sortearán vales de compra por importe de 100 euros cada un entre quen participen na votación popular.

O concurso, baixo a lema Móstrache, Presume, Participa, repartirá en total case 10.000 euros en premios, o mesmo importe que na pasada edición de outono, cando o concurso contou coa participación de 90 tendas. Organizado pola área de Emprego e Empresa, o certame pretende implicar e dinamizar o pequeno comercio para incentivar o consumo no sector.

4 de decembro de 2013 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.