Licítanse as obras da depuradora e dos colectores xerais da parroquia de Baroña
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e dos colectores xerais de Baroña, no concello de Porto do Son. Así llo trasladou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ao alcalde, Luís Oujo, con quen mantivo unha reunión de traballo para analizar estas actuacións, ás que a Xunta de Galicia destinará un orzamento de 1,09 millóns de euros.
Este proxecto, que será executado por Augas de Galicia, define e valora as actuacións necesarias para a eliminación de verteduras sen tratar ao medio en núcleos da parroquia de Baroña mediante a construción dunha rede de colectores e un novo bombeo e impulsión que conducirán as augas para a nova depuradora do lugar de Abuín. Segundo recordou Do Campo, “estas obras son consideradas por Augas de Galicia de carácter hidráulico primordial na súa planificación”.
Actualmente, a rede de saneamento da parroquia de Baroña pode definirse en tres sistemas independentes: Arnela-Vilar, Abuín-Igrexa-Campanario e Penas-Tarrío-Orellán. A rede presenta roturas en diversos puntos, polo que se detectaron filtracións de augas residuais e as verteduras chegan ao medio receptor sen tratar, motivo fundamental polo que se impulsan estas actuacións que solucionarán o citado problema.
Augas de Galicia proxecta a execución dunha rede separativa de tres colectores por gravidade:
• Colector Abuín 1: recolle un colector de saneamento existente do núcleo de Abuín que actualmente está fóra de servizo e a impulsión de Arnela. Incorpora tamén o ramal de Abuín, que recolle a maior parte do saneamento do dito núcleo. Executaranse 480 metros de tubaxe de PVC de diámetro de 315 mm.
• Colector Abuín 2: abrangue as vivendas dispersas que se sitúan entre os núcleos de Abuín e Campanario. Terá unha lonxitude de 896 metros en tubaxe de diámetro de 250 mm. No seu extremo, augas abaixo, incorpórase ao colector Abuín 1, unificándose así a entrada á EDAR.
• Ramal de Abuín: proxéctase a reposición do colector existente que recolle o saneamento de Abuín e discorre por predios. Terá unha lonxitude de 193 metros en tubaxe de PVC de diámetro de 315 mm.
Executarase tamén unha nova estación de bombeo en Arnela, radicada na zona da praia do mesmo nome, que impulsará as augas residuais dos núcleos de Arnela e Vilar. O bombeo de 2 bombas de 4,3 Kw cada unha terá capacidade para elevar un caudal de 2,7 l/s. O pozo de bombeo será unha estación compacta en polietileno de 2,29 metros de profundidade. Entre estas actuacións, tamén se realizará a execución dun tramo de impulsión que permita bombear as augas residuais dos núcleos de Arnela e Vilar ata o pozo 14 do colector Abuín-1 onde romperá en carga.
Estación depuradora
Este proxecto hidráulico tamén prevé unha estación depuradora cunha capacidade de tratamento de máis de 500 habitantes que se situará ao oeste do núcleo de Abuín, ao outro lado da estrada Cee-Ribeira (AC-550). A liña de auga da EDAR consta dos seguintes elementos:
• Pretratamento: está deseñado para un caudal máximo de 72 m3/h en previsión das augas pluviais que a curto-medio prazo poden chegar á estación a través do ramal de Abuín. Conta cunha canle dobre na cal se colocan unha reixa manual con cesta para recollida de residuos e un tamiz para o desbastamento de finos.
• Bombeo de cabeceira: proxéctase un bombeo de 2 bombas de 1,5 kw cada unha con capacidade de regular o caudal de entrada ao decantador primario, contando para iso cun variador de frecuencia. O pozo de bombeo deseñouse de xeito amplo para que funcione como tanque de retención fronte ás augas pluviais que poidan chegar á EDAR a través de redes antigas.
• Decantador primario: terá un volume de 70 m3 e unha capacidade de almacenamento de lodos de polo menos 60 días.
• Decantador secundario: terá un volume de 15,2 m3 e o tanque incorpora un sistema de bombeo de retorno de lodos á etapa primaria.
A máxima representante da Xunta na provincia explicou que, unha vez adxudicados os traballos, estes terán un prazo de execución de seis meses. Na mesma liña, a delegada territorial aproveitou para agradecer ao concello de Porto do Son a súa colaboración, ao cumprir coas súas obrigas, poñendo a disposición os terreos necesarios para a realización das obras e adoitando o compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das instalacións unha vez rematada a actuación.











