publicidade hoxe

Licitadas as obras de acondicionamento dun dos inmobles da praza de España para actividades de tempo libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol vén de licitar a contratación das obras de acondicionamento dun dos locais de planta baixa existentes na Praza de España para actividades de tempo libro. O obxectivo do Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela é converter o inmoble sen uso máis próximo á zona de xogos infantís nun espazo para a celebración de actividades lúdicas e formativas dirixidas aos máis pequenos. Así, o executivo ferrolán aprobou na última Xunta de Goberno Local, celebrada o pasado luns, a licitación das obras por un importe base de 168.069,48 euros (21% de IVE incluído) e un prazo de execución de tres meses a contar dende o inicio das mesmas.

O Goberno Municipal conta xa coa aprobación dun proxecto de actuación para acondicionar esta instalación, que foi elaborado por Estudio Técnico Gallego S.A. A vista do estado que presenta o edificio, faise necesario unha limpeza do interior. Non existe piso elevado, nin tabiques, nin falso teito… polo que se comezará de cero cunha distribución máis axeitada para uso previsto como local de actividades de tempo libre para a infancia. As obras non afectarán ao aspecto exterior do edificio, unicamente na modificación do acceso e a execución dunha rampla que permita o cumprimento da normativa de accesibilidade. A nova instalación municipal, que axudará a dinamizar a Praza de España, disporá de dúas aulas –de 52,90 e 51,40 metros cadrados cada unha delas-, zona para aseos e unha oficina. En total, a  superficie construída será de 117,30 metros cadrados.

Por outra banda, cómpre lembrar que o outro edificio de planta baixa sen uso que ten a praza de España –o situado máis próximo á Biblioteca Municipal Central- destinarase a Oficina de Turismo.

26 de decembro de 2013 | 10:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.