“La tienda de Lino” gaña o concurso de escaparatismo de Nadal do Concello da Coruña

Escaparate gañador
La tienda de Lino gañou o concurso de escaparatismo de Nadal organizado pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid para promocionar o comercio coruñés nunha das datas máis importantes para o sector. O establecemento, unha empresa familiar especializada en alimentación, alzouse co primeiro premio do certame cun escaparate minimalista onde predomina o vermello, tal e como marcaban as bases do concurso.
La tienda de Lino, situada no número 36 da rúa Novoa Santos, foi o que recibiu máis votos do público nunha votación popular celebrada entre o 5 e o 12 de decembro na web www.participacoruna.com e na que competía con outro catro establecementos doutros tantos barrios coruñeses: Imprenta Star, de Distrito Picasso; Decoracións Benjamín, da Falperra; Endulzarte, da Asociación de Comerciantes de Monte Alto -gañador da edición de outono deste ano-; e Electricidade, da asociación de comerciantes de Monte Alto.
O cinco comercios chegaron á última fase do concurso -o máis participativo dos celebrados até agora por Emprego e Empresa cun total de 93 establecementos de practicamente todas as asociacións comerciais- tras ser elixidos por un xurado que valorou a orixinalidade, a estética e a eficacia comercial.
O gañador recibirá 2.000 euros (ademais doutros 1.000 por chegar á final) e 500 euros a asociación comercial á que pertence, mentres que cada finalista recibirá 1.000 euros e 500 euros a súa entidade. Así mesmo, sortearanse vales de compra por importe de 100 euros cada un entre quen participaron na votación popular.
O concurso, baixo a lema Móstrache, Presume, Participa, repartirá en total case 10.000 euros en premios, o mesmo importe que na pasada edición de outono, cando o concurso contou coa participación de 90 tendas. Organizado pola área de Emprego e Empresa, o certame pretende implicar e dinamizar o pequeno comercio para incentivar o consumo no sector.
Os establecementos que participaron no concurso recibiron asesoramento profesional gratuíto en interiorismo, talleres impartidos por expertos para sacar o máximo partido aos negocios. Os seus escaparates deberán estar expostos como mínimo até o próximo 1 de xaneiro.











