publicidade hoxe

Ker, unha cadela envelenada espera por unha familia de adopción mentres se recupera no CAAN

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSanxenxo
A-
A+
Ker, a cadela envelenada

Ker, a cadela envelenada

O Centro de Acollida e Protección Animal da Armenteira (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra, recolleu o pasado 5 de decembro, en Portonovo, unha cadeliña presuntamente envelenada na vía pública.

O animal, que bautizaron co nome de Ker, puido salvar a vida grazas á rápida intervención do Centro e da Garda Civil, que foi a que deu a alerta cunha chamada urxente ó Centro.

Trátase dunha cadela adulta, mestiza de bóxer, de cor canela, que presentaba desorientación e debilidade.

Os axentes da Garda Civil informaron os responsables do CAAN de que atoparan penso na rúa, con restos dun veleno que se usa para o control dos caracois e as babosas. Grazas á actuación dos axentes, que fixeron vomitar o animal, á rápida chegada dos servizos de lazaría do CAAN e ó tratamento que se lle administrou, Ker está hoxe recuperada do envelenamento e atópase en perfecto estado, esperando unha adopción.

Con este son xa dous os casos de intoxicación ou envelenamento recibidos e recuperados este ano no Centro de Acollida e Protección Animal da Armenteira. O primeiro dos cans foi adoptado por unha familia de Ferrol; desde o Centro agárdase que Ker siga o mesmo camiño e atope unha familia que poida coidar dela.

Calquera persoa interesada en adoptar a Ker ou outro can poderá visitar o Centro, consultar a páxina www.caan.depo.es ou chamar ó número de teléfono 608 975 326, onde lle ofrecerán toda a información e a orientación que precise.

A adopción non representa ningún custo para o interesado; os animais entréganse completamente desparasitados, vacinados e identificados.

12 de decembro de 2013 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.