Inaugúrase o primeiro Centro de Día de Lousame que supuxo un desembolso de 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLousame
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao Centro de Día de Lousame

Beatriz Mato na visita ao Centro de Día de Lousame

A localidade de Lousame conta co seu primeiro centro de día que oferta un total de 40 prazas para as persoas maiores. Para a posta en marcha desta infraestrutura municipal, que é a segunda pública destas características na comarca de Noia, a Consellería de Traballo e Benestar investiu un total de 700.000 euros. Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na inauguración deste servizo social. “Este centro de día é hoxe unha realidade grazas ao importante esforzo que temos realizado desde as dúas administracións”, apuntou.

A conselleira explicou que este centro ofrecerá unha atención de calidade aos maiores, axudando a preservar a súa autonomía persoal durante o máximo tempo e no máximo grao posible. Neste senso, explicou que o Goberno galego está a incrementar as prazas públicas para este colectivo e, así, lembrou que a Xunta puxo en marcha nos últimos catro anos máis de 1.500 prazas en centros de día, un 160 por cento máis das que había en 2009. En total, Mato resaltou que neste período creáronse 2.864 prazas para maiores, o que supón un 40 por cento máis das que existían en 2009.

A titular de Benestar incidiu tamén en que, ademais de aumentar o número de centros e recursos, o Goberno galego segue a traballar para mellorar a eficiencia e calidade dos servizos e, deste xeito, recordou que a Xunta está a transformar o sistema de atención social coa posta en marcha dun novo modelo de carteiras: para as persoas dependentes, para autónomos, para a infancia e para a inclusión social.

A dirixida ao colectivo de persoas dependentes xa entrou en vigor o pasado mes de novembro. “Esta iniciativa permitirá a optimización máxima dos centros, tanto públicos como privados, que hai en Galicia, ampliando, diversificando e flexibilizando os servizos”, afirmou Mato.

En definitiva, a conselleira concluíu asegurando que desde a Xunta estase a traballar “para as persoas, polo seu benestar e as súas oportunidades cara o emprego”.

2 de decembro de 2013 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.