Inaugúrase a nova Oficina de Información Turística e Sala de Exposicións de Verín
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, inauguraron esta mañá a nova Oficina de Información Turística e Sala de Exposicións da localidade, resultado dun convenio asinado entre Turismo de Galicia e o Concello de Verín a través do cal se realizaron as pertinentes obras de adecuación da Casa da Xuventude, acadándose estes dous novos espazos.
Segundo apuntou Nava Castro, dada a situación estratéxica deste importante enclave, como é Verín, “consideramos axeitado ampliar e reforzar os servizos turísticos de información que se ofertan neste concello principalmente para adecuarse a situación turística actual onde o comportamento da demanda se caracteriza por ter máis experiencia e coñecementos”. Unha cuestión na que coincidiu co rexedor verinense que recordou que novo espazo “aproxima os servizos aos cidadáns, e tamén os amplía, xa que ao eliminar as barreiras arquitectónicas existentes na anterior oficina, facilitamos que todas as persoas de mobilidade reducida poidan facer usos destas instalacións”. O alcalde verinense tamén destacou que estes novos espazos expositivos e turísticos “nos permitirán seguir progresando na liña de traballo que se está a realizar desde o Concello de Verín nos últimos anos, mediante a promoción dos nosos recursos patrimoniais, tanto históricos como culturais, naturais, eventos e manifestacións de interese turístico”. Ademais recordou o crecemento paulatino de turistas e peregrinos que se aproximaron ata Oficina de Información Turística de Verín, “no ano 2010 o 20,15% das persoas que acudiron a esta instalación eran turistas, no ano 2012 a cifra incrementouse ao 33,67%, e neste ano a data de hoxe xa alcanzou o 39,40%”. No caso dos peregrinos que se achegan a nosa comarca, procedentes tanto Vía da Prata como da confluencia co Camiño Portugués Interior, tamén tivo lugar un importante incremento, “mentres que no ano 2009 a cifra de peregrinos foi de 477, no 2012 chegou a 693, e neste ano xa alcanzamos 834, é dicir un incremento do case que 50%”, subliñou, e tamén recordou que a cifra de visitantes que se aproximaron á sala de exposicións da Casa do Escudo, desde o ano 2009 ata a actualidade, foi de 19.534 persoas.
A nova oficina de Turismo de Verín incrementará a calidade do servizo de información personalizada do destino ao turista ao mesmo tempo que existe un feed-back, recibindo dos viaxeiros a información do perfil da demanda para o destino. Nos últimos anos “producíronse cambios importantes nos modelos e comportamentos da demanda turística que están sendo tidos en conta nestas iniciativas turísticas, por este motivo apostouse polo uso das novas tecnoloxías, adecuación do noso patrimonio, creación de rutas turísticas en diferentes municipios, como no caso da Ruta dos Carros entre Verín e Vilardevós, ou a nova ruta termal entre Verín, Chaves e Vidago; catalogación e rehabilitación de lagares históricos, mellora de novos espazos naturais como o Pozo do Demo ou realización de iniciativas gastronómicas conxuntas”, destacou Jiménez Morán. Ademais, a directora de Turismo de Galicia engadiu que Verín constitúe “un punto estratéxico para obter información dalgúns dos nosos mercados emisores máis potentes”. Comentou, así mesmo, que o servizo de información turística é fundamental para coñecer as necesidades dos viaxeiros ao tempo que eles coñecen os recursos e infraestruturas de Galicia comezando pola oferta turística e cultural de Verín.
Na oficina de Información Turística de Verín os turistas e peregrinos poderán coñecer a oferta aloxativa, a de restauración así como a de recursos turísticos da zona vinculados ao seu patrimonio artístico e arquitectónico, pero tamén ao seu patrimonio inmaterial, ás tradicións e costumes.
Por outra banda, o alcalde de Verín recordou actuacións nas que se está a traballar no ámbito turístico, como son rutas transfronteirizas da Eurocidade ou Territorio Feiticeiro dentro do PCT Puertas de Galicia, e que nas próximas semanas estarán finalizadas as obras de rehabilitación da Casa do Escudo, realizadas co obxecto de destinala exclusivamente a albergue e ampliar as súas instalacións “que converterán a esta instalación nun referente na rede de albergues galegos, ao estar situado na confluencia entre Galicia, Castela León e Portugal”.











