III edición do Torneo de Baloncesto “José Antonio Vega” na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportes
A-
A+

O Torneo de Baloncesto “José Antonio Vega” que organizan o Concello da Laracha e a Escola Municipal de Baloncesto da Laracha coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto, a Escola Basket Xiria e o Club Baloncesto Artai chega á súa terceira edición, consolidándose como un referente para as categorías de base desta modalidade deportiva na Costa da Morte e na comarca de Bergantiños.

Durante toda a xornada do domingo, desde a disputa dos primeiros encontros a partir das 10.30 horas e ata a entrega dos trofeos prevista para as 20.00 horas, pasarán polos pavillóns municipais da Laracha, Paiosaco e Caión  uns 230 xogadores (categorías cadete masculina e feminina, alevín, benxamín e prebenxamín) estando prevista a asistencia total dunhas 600 persoas entre equipos técnicos, acompañantes e espectadores.

Haberá representación dos equipos de base máis importantes da zona: Escola Municipal de Baloncesto da Laracha (EMBAL), Club Baloncesto Laracha, Xiria, Artai, ACB Costa da Morte e Escola Municipal de Santa Comba.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha agradeceu aos organizadores o seu traballo e deulles a noraboa polo “completo programa, que servirá de estímulo para a práctica do baloncesto no noso municipio”. O rexedor local mostrouse “contento” por “consolidar este torneo como a gran referencia no Nadal para o basket da zona”, facendo, ademais, “unha merecida homenaxe por todo o que fixo José Antonio Vega para potenciar este deporte”. O alcalde recalcou tamén o importante volume de visitantes que terá o Concello nos seus tres cascos urbanos e “na directa repercusión que iso suporá durante toda a xornada na actividade comercial, principalmente no sector servizos”.

Para Roi Vega, responsable da Escola Municipal de Baloncesto da Laracha e fillo de José Antonio Vega, a organización do evento ten unha dobre carga emotiva: “é un orgullo facer este torneo no meu pobo e a nivel persoal a miña sensación non se pode explicar con palabras. Igual que eu, o resto da familia, especialmente a miña nai, estamos moi contentos e emocionados”. No aspecto organizativo afirmou que “grazas ao apoio do Concello e de todos os clubs foi moi fácil preparalo, aínda que o evento é moi grande”.

Arturo Ferraces, director deportivo do Xiria, mostrou a súa “satisfacción por ver que o torneo vai collendo máis forza cada ano e ten percorrido para converterse aínda en algo máis importante”. Ademais lembrou a José Antonio Vega como “o mellor colaborador, con palabras maiúsculas, na promoción do baloncesto en Bergantiños”

Diego Rivas, responsable do Artai, afirmou que “é un pracer vir a xogar cada ano” e que “este torneo é xa unha referencia para estas festas, porque os nenos que practican baloncesto xa relacionan o Nadal coa competición da Laracha.

Por último, Diego Vázquez, presidente do Xiria, insistiu na idea de que “A Laracha é un referente no Nadal e os que xogan habitualmente ao baloncesto xa coñecen e teñen asimiladas estas datas do torneo”. Tamén recordou a José Antonio Vega como “case un familiar” e agradece a homenaxe que se lle fai cada ano para “mantelo sempre no recordo”.

19 de decembro de 2013 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.