Identifican ao presunto ladrón da mesa e bancos do Mirador de Ancos de Neda grazas á colaboración cidadá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNedaSucesos
A-
A+

A colaboración cidadá fixo posible a identificación do presunto ladrón dunha mesa e duns bancos incluidos no inventariado municipal e que, ata o pasado martes, formaban parte da paisaxe do Mirador de Ancos, en Neda. Ese día, sobre as 21 horas, xa en plena noite, un veciño da localidade daba aviso á Garda Civil de Fene de que un individuo estaba a cortar cunha radial as patas da citada mesa e bancos, construídos en madeira tratada. Ao pouco tempo, unha patrulla chegaba ao lugar dos feitos e comprobaba como o mobiliario fora arrincado. O mesmo veciño que momentos antes tiña chamado aos axentes foi quen de facilitarlles o modelo do vehículo, dous dos números da matrícula e as letras. E, con esa información, a Garda Civil iniciou pesquisas no seu rexistro.

O resultado das mesmas permitiu localizar un vehículo cuxa matrícula coincidía coa dun turismo propiedade dunha veciña da localidade de Neda. E, nese momento, a Garda Civil ponse en contacto coa Policía Local do municipio. Máis tarde a patrulla da Garda Civil localiza o material roubado nunha finca onde ten o domicilio a titular do vehículo implicado no roubo. A requerimento da Garda Civil persónase unha patrulla da Policía Local no mencionado domicilio e, identifica a mesa e bancos de madeira como mobiliario municipal.

O Concello presentou a correspondente denuncia que se tramitou por vía penal e, sobre todo, quere agradecer a colaboración veciñal, imprescindible para lograr esclarecer os feitos. Nesta liña, o Concello desexa que este tipo de actitudes se multipliquen axudando a erradicar outras actuacións similares, como o roubo duns 250 metros de cable nos últimos días.

12 de decembro de 2013 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.