Gran éxito do Torneo de Nadal “Todo é Deporte” do Santiago Futsal A Gaiola
O Torneo de Nadal “Todo é Deporte” organizado polo Santiago Futsal A Gaiola celebrado o pasado sábado no Pavillón de Fontiñas foi todo un éxito. As bancadas do pavillón enchéronse para gozar un ano máis dun torneo con carácter solidario e cuxo obxectivo era fomentar a igualdade de xénero e a non violencia.
A tarde comezou cun partido entre xogadoras do Santiago Futsal A Gaiola e un combinado de xogadoras de diferentes equipos de Galicia. Pero non todo foi fútbol sala e é que se realizaron multitude de sorteos e tamén houbo tempo para as actuacións musicais de Fredi Leis e Yadhira e Hugo da Voz. Entre partidos, houbo unha exhibición de ximnasia rítmica a cargo do Club Compostela e unha exhibición de patinaxe do Club Patín Oroso.
Un dos grandes atractivos da tarde foi o partido de invitados, entre os que se atopaban os xogadores do Santiago Futsal David, Barroso, Hamza, David Pazos, Chus e Eloy Vermellas, ademais de xornalistas, actores, cantantes, deportistas de alto nivel e xogadoras da sección feminina, así como o concelleiro de Deportes do Concello de Santiago, D. Adrián Varela.
Tamén se recolleron case 200 kg de comida que xa se entregaron á Cociña Económica e gran cantidade de tapóns, recolleitos para fins benéficos.
Entre o público, o resto de xogadores do primeiro persoal do Santiago Futsal, así como corpo técnico e directiva do club, foron partícipes deste especial torneo de Nadal, que un ano máis foi un éxito.