Gondomar vístese de teatro na fin de semana
A Concellaría de Cultura, dentro da súa programación para estas datas, prepara dúas xornadas de teatro para esta fin de semana.
Turandot
Non sí? Teatro, representará o vindeiro sábado día 7, ás 22.00 horas, no Auditorio Lois Tobío, a obra Turandot, unha comedia de Bertolt Brecht en versión e dirección de Mónica Sueiro e interpretada por Germán Gundín, David Rodríguez, Patricia Torres, Jorge de Arcos, Yone Urkizu, Iria Collazo, Sergio Llauger e Paula Costas.
Turandot conta como a colleita de algodón máis grande da historia de China afundía nas arcas do emperador, que agora tiña un imperio que non valía nada. Un bo día, o algodón desaparece ‘misteriosamente’ e o seu prezo comeza a subir ao mesmo tempo que o pobo de China esmorece coa fame. Comezan as protestas e revoltas, xa que todos saben que a o algodón está agochado nos almacéns imperiais. Para resolver a situación, o emperador convoca un congreso de Tuis (intelectuais) e promete a man da súa filla Turandot, ao tui que lle explique aos chineses onde foi parar o algodón.
O prezo da entrada será de 3.50 euros.
O Guiso
O domingo 8 de decembro é o turno de Matreska co espectáculo infantil O Guiso. Dirixidos por Mónica Sueiro, Beatriz Campos e Hugo Rodríguez interpretan a Papabola y Ledicia,os protagonistas desta historia, que se desenvolve nunha cociña dentro do escenario do teatro.
A cita será ás 18.00 horas no Auditorio Lois Tobío. O prezo por entrada é de 3.50 euros.











