Galicia proclámase campioa da Copa do Rei TK-5 feminina e subcampioa masculina
A selección galega feminina proclamouse onte pola noite campioa da Copa do Rei na modalidade TK-5, mentres que o equipo masculino quedou como subcampión e poñendo en serios apuros a Baleares na gran final. Era a primeira vez que se celebraba esta competición en España e Galicia volveu a sorprender a todos con dous magníficos equipos.
A selección feminina estaba formada por Lucía Ferrari (Patiño Moaña), Anara Brión (Natural Sport Videlgi), Lúa Piñeiro (Natural Sport Videlgi), Katia Calvar (Mat´s), Lara Ouviña (Natural Sport Videlgi) e Estefanía Hernández (Natural Sport Videlgi). Destacar a participación de Fani Hernández, que levaba moito tempo apartada dos tapices despois de dúas lesións moi graves no nocello,e fixoo realizando un magnífico traballo. O equipo feminino gañou en semifinais ao club Zafrilla de Valencia e na final ao club Telma de Cataluña.
O equipo galego masculino sufriu a baixa de última hora de Raúl Bouzas (Natural Sport Videlgi), que se lesionou o día antes no torneo, e tivo que ser substituído polo júnior Manu Parada (Natural Sport Videlgi). Desta forma, a selección estivo formado por José Real (Natural Sport Videlgi), Angel Parada (Natural Sport Videlgi), Pablo Fernández (Mat´s), Borja Ríos (Hebe) e Pablo Carou (Natural Sport Videlgi). Galicia gañou o aclub Cabanillas de Castela a Mancha, ao Paterna de Valencia e caeu na final contra Baleares.
Era a primeira vez que se celebraba esta competición en España. En TK-5 cada equipo está conformado por cinco competidores titulares, un reserva e un técnico. É un sistema de combate por equipo onde gaña quen sume máis puntos durante dous asaltos. Dous asaltos de cinco minutos cun minuto de descanso. O primeiro de cinco minutos, onde cada competidor deberá estar no tapiz durante un minuto. Logo dun minuto de descanso e no seguinte asalto, comeza unha competición de relevos ilimitados, onde os técnicos, segundo a súa táctica, elixen quen entra e quen sae. O único condicionante para poder cambiar o competidor, é que o deportista realizase un mínimo de tres ataques. Esta modalidade utilizouse este ano no Campionato do Mundo por equipos e nos Sports Accord World Combat Games.











