publicidade hoxe

Fundación Deporte Galego concede subvencións por valor de 300.000 euros a 179 deportistas de alto nivel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Fundación Deporte Galego resolveu a convocatoria de axudas a deportistas galegos de alto nivel 2013, para a súa preparación e participación en competicións deportivas. Con respecto ao ano pasado, o número de beneficiarios incrementouse nun 5 por cento, pasando de 170 a 179 deportistas.

Estas axudas teñen como principal obxectivo apoiar os nosos deportistas máis destacados no eido nacional e internacional, e incentivar a súa dedicación á práctica de alto nivel. Na presente convocatoria o importe definitivo das axudas ascendeu a 300.000 euros, a través das dúas liñas de actuación establecidas: axudas para deportistas olímpicos e paralímpicos, e axudas DGAN.

No ámbito das axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos galegos, tivéronse en conta as clasificacións nos pasados Xogos de Londres 2012. Deste xeito, os deportistas que obtiveron a medalla de ouro recibiron 9.000 euros; 7.000 euros, os que foron medalla de prata; e, 5.000 euros, os de bronce. Engadiuse, tamén, unha axuda especial para premiar a participación dos deportistas nestes Xogos, cun importe máximo de 3.000 euros.

En total, 17 deportistas recibiron axudas nesta liña por unha contía total de 85.000 euros. Cómpre subliñar que Galicia concede as mesmas axudas aos deportistas olímpicos e paralímpicos, criterio este que ten por obxectivo fomentar a integración deportiva en igualdade de condicións.

Por outra banda, ás liñas de axuda DGAN puideron optar os recoñecidos como Deportistas Galegos de Alto Nivel no ano 2013. Avaliáronse os resultados obtidos nos campionatos nacionais e internacionais do 2012, e as axudas por deportista acadaron ata os 4.000 euros. O importe total desta liña de actuación ascendeu a 215.000 euros, repartidos entre 162 deportistas.

Cabe destacar a evolución positiva do deporte feminino nesta convocatoria. Así, analizando as axudas concedidas nos últimos 5 anos, mentres que no ano 2009 as deportistas representaban o 25 por cento do total de beneficiarios, neste exercicio a porcentaxe atópase no 33 por cento. Pola súa banda, se analizamos as contías percibidas, a totalidade das axudas destinadas ás deportistas pasa dun 22,70 por cento do orzamento total no 2009 a un 36,19 por cento neste exercicio.

Cos criterios desta convocatoria, a Xunta de Galicia incentiva que os deportistas de máximo nivel poidan percibir unha contía que lles axude de xeito máis efectivo nas súas metas deportivas.

30 de decembro de 2013 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.