Frades investirá en obras de mellora da rede viaria o 83% do POS
O Concello de Frades destinará a obras o 83% dos case 196.000 euros do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 214), concretamente 162.000 euros que serán investidos na mellora da rede viaria de todas as parroquias. O resto destinarase a financiar gasto corrente, en especial alumeado público. A proposta da Alcaldía será debatida na sesión plenaria extraordinaria de mañá venres 20 de decembro, ás 13:30 horas, na que tamén se aprobarán inicialmente os orzamentos municipais para 2014.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que as pistas incluídas no POS 2014 “son as que tiñan unha maior necesidade, xa que priorizamos aquelas pistas que se atopan nunha peor situación e aquelas polas que transitan un maior número de veciños, facendo actuacións en todas as parroquias. Sabemos que hai máis necesidades, pero tamén contamos con ter un novo DTC da Deputación ao longo de 2014 e unhas axudas a camiños de Medio Rural que permitirán facer moitos máis arranxos”.
Roberto Rey explica que estes proxectos “darán continuidade ao plan de bacheo que fixemos dende o Concello en todo o municipio, tapando as fochancas que se formaran durante as últimas choivas”. Ademais, a pesar de que dende os grupos municipais da oposición non se presentaron proxectos alternativos, a proposta da Alcaldía si que recolle algunhas pistas cuxo arranxo fora solicitada polos concelleiros da oposición noutras sesións plenarias.
Relación de obras
O POS 214 está dividido en tres grandes proxectos. O primeiro, de case 60.000 euros de orzamento, inclúe arranxo de pistas nas parroquias de Abellá, Galegos, Moar e Aiazo. En Abellá os traballos centraranse na pista de Pumariño a Fondevila, así como na pista a San Antonio. En Aiazo mellorarase a pista da Pedra a Fontelo; mentres que en Galegos actuarase nos accesos a O Paraxón-Reboredo. Finalmente, en Moar acometeranse dúas obras: accesos a Pedreira do Medio e arranxo da pista de Pedreira de Arriba a San Roque.
O segundo proxecto de maior orzamento (algo máis de 56.000 euros) beneficiará aos veciños e veciñas das parroquias de Vitre, Papucín, Frades e Mesos. En Vitre arranxaranse as pistas entre A Igrexa e Reboredo; e a pista do Piñeiro; mentres que en Frades melloraranse a pista do Castro e a que une Cachada e A Cancela. Finalmente, acondicionaranse a pista de Carballal a Outeiro (Papucín) e a pista de acceso a Panica (Mesos).
Por último, o terceiro proxecto conta cun orzamento de máis de 46.000 euros, que se investirán nas parroquias de Gafoi, Ledoira, Añá e Céltigos. Así, en Añá melloraranse a pista de Os Betotes a As Chedas e a pista de O Pombo. En Gafoi as actuacións centraranse nos accesos a Pontecarreira e na pista do Raselo a Currás. Finalmente, acondicionaranse as pistas de Chousa de Aboi (Céltigos) e a de Ledoira a Céltigos (Ledoira).
Orzamentos
Unha vez aprobado o POS 2014, o pleno municipal aprobará inicialmente os seus orzamentos para 2014, que medrarán con respecto a 2013 e que recollen un importante incremento nas súas partidas sociais e de investimento directo. Un crecemento que se debe a un maior incremento das transferencias correntes doutras Administracións, especialmente do Goberno do Estado. Así mesmo, non recollerán ningunha nova taxa ou impostos.