Frades inclúe no seu Programa de Nadal unha Cabalgata de Reis para o día 4 de xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades vén de presentar o seu Programa de Nadal 2013, que inclúe como principal novidade a celebración dunha Cabalgata de Reis, que terá lugar o sábado 4 de xaneiro en horario de 16:00 a 20:00 horas en Pontecarreira. Unha cabalgata que será posible grazas á colaboración da ANPA do CPI Pontecarreira, da asociación de veciños Rexente de Pontecarreira e da asociación folclórica Sarillo de Aiazo.

A primeira Cabalgata de Rei do Concello de Frades partirá ás 16:00 do núcleo urbano de Pontecarreira, de onde partirá un desfile cara o pavillón polideportivo municipal, onde terá lugar a recepción dos Reis e unha gran festa con inchables, animacións, xogos populares, lambetadas e obradoiros de globoflexia e de maquillaxe para todos os asistentes. Así mesmo, repartirase chocolate quente e roscón de Reis entre todos os participantes.

Programa con novidades

Ademais da gran novidade da Cabalgata de Reis, o Programa de Nadal do Concello de Frades combina actividades tradicionais e de éxito (como a Gran Festa de Nadal ou a viaxe a Xuvenlugo) con outras novidades. Así, este luns 16 de decembro, ás 11:00 horas, o multiusos de Frades acollerá unha Festa de Nadal para os nenos e nenas máis pequenos do municipio.

Esa mesma semana, o xoves 19 de decembro, o CPI Pontecarreira albergará dúas actividades: a tradicional visita de Papa Noel e do Paxe Real para recoller as cartas dos pequenos (entre as 12:00 e as 13:00 horas; e un concerto didáctico da Banda de Música de Merza, que terá lugar ás 11:00 horas. Ademais, haberá un obradoiro de globoflexia e repartiranse lambonadas entre os pequenos.

Actividades de balde

O luns 23 de decembro, entre as 11:00 e as 13:30 horas, o multiusos de Frades acollerá a Gran Festa de Nadal, que o ano pasado reuniu a máis de medio centenar de cativos, acompañados das súas nais. A festa incluirá animación, un contacontos interactivo, un obradoiro de disfraces navideños, xogos, DJ e baile. Ademais, un Papá Noel marchoso recollerá as cartas dos pequenos. A participación na Gran Festa de Nadal é gratuíta, se ben é preciso anotarse no Concello ou no 981 69 55 67 antes do 20 de decembro.

Para o venres 27 de decembro, o Concello de Frades ten programado un Cantar de Reis e unha sesión de Animaxia no multiusos. A festa comezará ás 10:30 horas coa actuación de Anima Duendes Máxicos de Nadal, que ofrecerán un completo espectáculo a base de xogos, bailes, animación, contos interactivos, feitizos e trucos máxicos. Ás 11:30 horas terá lugar unha chocolatada por cortesía da ANPA do CPI Pontecarreira, que dará paso ao obradoiro “Cantámosche os Reis”, un taller de cantos de Nadal no que se interpretarán pezas en galego e animarase aos participantes a recuperar a tradición de cantar os reis polas casas.

Finalmente, para o venres 3 de xaneiro está programada a única actividade de pago de todo o Programa de Nadal 2013 do Concello de Frades: a viaxe a Xuvenlugo, que cada ano reúne a case un cento de veciños e veciñas. O prezo será de 5 euros para empadroados e de 8 euros para non empadroados. Esta cota inclúe o traslado ata Xuvenlugo e a entrada xenérica ao recinto, que dá dereito a utilizar un bo feixe de actuacións. A entrada a outras actividades, como os karts ou o minigolf, correrán a cargo de cada participante. O prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de decembro no Concello ou no 981 69 55 67.

12 de decembro de 2013 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.