publicidade hoxe

Frades aproba uns orzamentos de 1,9 millóns dos que destina máis de 765.000 euros a investimentos en parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O pleno do Concello de Frades aprobou esta mañá os seus orzamentos para 2014, unhas contas equilibradas e que ascenden a un total de1,917.549 euros, o que supón un substancial incremento tanto dos ingresos (21%) coma do investimento (38%). Uns orzamentos que foron aprobados cos votos a favor do PP e coas abstencións de BNG e PSOE.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “os orzamentos de 2014 están equilibrados, a diferenza dos de 2013 que prevían uns ingresos de 1,5 millóns de euros e uns gastos de 1,38 millóns. Os incrementos deste ano de 405.000 euros en ingresos e de 370.000 euros en gastos débense a que o ano pasado axustamos de máis e houbo máis ingresos tanto do Estado como da Deputación, que prevemos manter este ano”.

Roberto Rey defendeu especialmente o carácter social e investidor dos orzamentos de 2014 pois “incrementamos en máis de 17.000 euros as partidas destinadas a Axuda no Fogar, Xantar na Casa e atención aos dependentes, así como a partida para Emerxencia Social, que pasa de 1.000 a 8.000 euros”. Así mesmo, fixo fincapé en que “a pesar de ser uns tempos difíciles para a economía, non só incrementamos as partidas de gasto social, senón que manteremos as subvencións ás entidades sen fin de lucro: asociacións de veciños, agrupacións deportivas e culturais, etc”.

Bacheo e SOGAMA

As partidas destinadas a investimentos reais ascenden a máis de 765.000 euros, o que supón un incremento de máis de 348.000 euros con respecto ao exercicio 2013. Un crecemento debido sobre todo aos 132.000 euros procedentes dun novo Plan DTC da Deputación da Coruña e a outros 179.000 euros procedentes dunha subvención nominativa da Deputación herculina (que será destinada á construción de gradas no polideportivo municipal, adquisición dunha furgoneta e dun tractor desbrozador). De feito, a compra deste novo tractor-desbrozador tamén permitirá destinar unha partida especial de 80.000 euros para crear un Plan Municipal de Bacheo e Desbroce, incluido nunha partida de gastos correntes que medran en máis de 174.000 euros.

Roberto Rey explicou que “parte deste incremento irá destinado a pagar gastos polo alumeado público e pola recollida do lixo, onde prevemos unha partida especial de 10.000 euros que destinaremos ao pago do incremento do canon de SOGAMA, xa que non llo imos repercutir aos veciños senón que o vai a asumir o Concello de Frades”. Así mesmo, o alcalde confirmou que durante o 2014 non se incrementará ningunha taxa ou imposto aos veciños e veciñas de Frades.

Pola contra, os gastos en persoal diminúen en 26.000 euros e se incrementan as aportacións a pagar o crédito do Plan de Axuste acordado para o pago ao provedores, partida que pasa de 19.000 a 29.000 euros. Así mesmo, o alcalde explicou que están á espera da decisión que se tome sobre o destino dos remanentes de Tesourería de 2012 e 2013 para saber se se pode destinar parte a obras ou ten ir todo para amortización de débeda.

Unanimidade POS

Previamente, o pleno municipal aprobara por unanimidade a proposta da Alcaldía ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 214), que destina a obras 162.000 dos 196.000 euros do plan, é dicir, o 83% do mesmo. Roberto Rey explicou que “sabemos que hai moitas máis pistas que precisan de mantemento ou de reparación, pero escollemos aquelas que se atopan en peor estado. Ademais, como dende os outros grupos municipais non se presentou ningunha proposta, o que fixemos foi tomar en consideración algunhas das que fixerades ao longo do último ano para incluilas neste plan”. Unha decisión que foi agradecida tanto polo voceiro do PSOE coma polo do BNG.

O POS 214 está dividido en tres grandes proxectos. O primeiro, de case 60.000 euros de orzamento, inclúe arranxo de pistas nas parroquias de Abellá, Galegos, Moar e Aiazo. En Abellá os traballos centraranse na pista de Pumariño a Fondevila, así como na pista a San Antonio. En Aiazo mellorarase a pista da Pedra a Fontelo; mentres que en Galegos actuarase nos accesos a O Paraxón-Reboredo. Finalmente, en Moar acometeranse dúas obras: accesos a Pedreira do Medio e arranxo da pista de Pedreira de Arriba a San Roque.

O segundo proxecto de maior orzamento (algo máis de 56.000 euros) beneficiará aos veciños e veciñas das parroquias de Vitre, Papucín, Frades e Mesos. En Vitre arranxaranse as pistas entre A Igrexa e Reboredo; e a pista do Piñeiro; mentres que en Frades melloraranse a pista do Castro e a que une Cachada e A Cancela. Finalmente, acondicionaranse a pista de Carballal a Outeiro (Papucín) e a pista de acceso a Panica (Mesos).

Por último, o terceiro proxecto conta cun orzamento de máis de 46.000 euros, que se investirán nas parroquias de Gafoi, Ledoira, Añá e Céltigos. Así, en Añá melloraranse a pista de Os Betotes a As Chedas e a pista de O Pombo. En Gafoi as actuacións centraranse nos accesos a Pontecarreira e na pista do Raselo a Currás. Finalmente, acondicionaranse as pistas de Chousa de Aboi (Céltigos) e a de Ledoira a Céltigos (Ledoira).

20 de decembro de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.